O matemático Cédric Villani, Medalla Fields en 2010, visita Santiago convidado polo Programa ConCiencia
O gañador da Medalla Fields en 2010 –o equivalente ao Nobel en matemáticas–, Cédric Villani (1973, Brive-la-Gaillarde, Francia) , visitará Compostela estes días convidado polo Programa ConCiencia que organizan a USC e o Consorcio de Santiago, nesta ocasión coa colaboración de RedEmprendia.
Programa da visita
O acto central do programa será o luns 3 de outubro, coa conferencia ‘De triángulos, gases, prezos e homes’ que pronunciará ás 19.30 horas noAuditorio Abanca (Preguntoiro, 23). O acto, que contará con tradución simultánea, é aberto a calquera persoa interesada . Nela contará a historia de tres problemas matemáticos, que veñen respectivamente da xeometría, da física estatística e da economía, e que se xuntan dun xeito inesperado e produtivo. Aproveitará ademais para evocar grandes teorías e persoas e o xeito no que vai o progreso matemático.
Ese mesmo día pola mañá, ás 9.45 horas, e como vén sendo habitual na axenda de ConCiencia, manterá unha xuntanza con investigadores na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. Previamente reunirase co reitor da USC e catedrático de matemáticas, Juan Viaño, no seu despacho de San Xerome.
Clausura de Spin 2016
Villani, director do Instituto Henri Poincaré de París (Francia), será ademais o encargado de pronunciar este sábado, 1 de outubro, a conferencia de clausura do evento Spin2016 que dende hoxe se desenvolve na Cidade da Cultura. O relatorio terá lugar ás 12.05 e leva por título ‘O moderno romance entre as matemáticas e a sociedade’.
Cédric Villani
Nado no seo dunha familia de universitarios e artistas, Villani ingresa aos 16 anos no prestixioso instituto Louis-le-Grand e en 1992 consegue entrar co número 4 na École Normale Supérieure de Paris onde se especializa en matemáticas. Dous anos máis tarde comeza a súa tese de doutoramento baixo a dirección da Medalla Fields Pierre-Louis Lions, fillo de Jacques-Louis Lions, que foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela.
Finalmente, en 1998 presenta a súa tese doutoral na que estuda as colisións rasantes nos gases e o aumento da entropía segundo a teoría de Boltzmann. Dous anos despois consegue a cátedra na École Normale Supérieure de Lyon. Tras ser nomeado director do famoso Institut Henri Poincaré en 2009, obtén a Medalla Fields en 2010 “polas súas demostracións do amortiguamento non lineal de Landau e a converxencia ao equilibrio da ecuación de Boltzmann" e é elixido membro da Académie des Sciences de Paris en 2013.
Científico comprometido
Cédric Villani traballa nas ecuacións en derivadas parciais que aparecen na física estatística; concretamente na ecuación de Boltzmann que describe o comportamento estatístico dun sistema termodinámico fóra do equilibrio. Outro dos seus temas de estudo é a teoría do transporte óptimo, formulada en torno a un problema proposto no século XVIII polo matemático francés Monge. Cabe destacar tamén, pola súa orixinalidade, a aplicación de métodos de xeometría diferencial aos temas anteriores; en particular, a relación da curvatura de Ricci co transporte óptimo e a entropía.
Cédric Villani é un científico comprometido coa sociedade, que dedica parte do seu tempo á comunicación e divulgación científica, participa en documentais sobre o impacto das matemáticas na sociedade actual ou, entre outras cousas, promove cine-clubes onde debate con outros científicos sobre a representación da ciencia e a investigación no cinema ou a relación entre ciencia e arte.
Acumula una abondosa colección de importantes premios. Á Medalla Fields hai que sumarlle os premios Louis Armand de l'Académie des Sciences de Paris en 2001, o da European Mathematical Society en 2008 ou os Fermat e Henri Poincaré en 2009
ConCiencia
ConCiencia é un programa de divulgación científica que trae á cidade de Santiago especialistas de primeira orde mundial (premios Nobel, Abel, Medalla Fields...) para participar en diversas actividades dirixidas non só a público especializado senón a toda a cidadanía coa fin de achegar a ciencia á sociedade. Ademais, serve de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica e o corpo de investigadores da USC.