Analizan nun curso de verán en Santiago a emoción da creatividade
Baixo o título ‘ Arte, emoción e creatividade’ a profesora da USC Carmen Pomar Tojo propón para mediados de xullo, entre os días 13 e 16, un curso de verán no que participarán numerosos profesionais da pedagoxía e a creación artística. O encontro inaugurarao en Ciencias da Comunicación de Santiago o coñecido barítono, pianista e divulgador musical Ramon Gener, que explicará por qué conmove ver a obra ‘Os xirasois’ ou escoitar ‘A Traviata’. O prazo para inscribirse remata o 1 de xullo.
Nos relatorios do curso, profesoras da USC e distintos creadores tentarán construír un relato acerca das sensacións que evocan as experiencias artísticas, a motivación, a inspiración ou o papel que xoga a arte na educación.
O curso contempla ademais tres clases maestras: a impartida por Alex Regueiro e Alfredo Iglesias, de Alalá, sobre a creación de moda como bela arte; a do músico flamenco Lalo Macías titulada ‘Duende’; e outra de Carlos Seijo sobre ‘A película sen os diálogos’.
Quen se matricule no encontro poderá tamén asistir a varios obradoiros prácticos sobre a emoción na arte impartidos por profesionais do sector. O curso remata na noite do sábado co concerto ‘Man a man’ de Lalo Macías e Daniel Minimalia.