Pasar al contenido principal

O proxecto GESFIRE avanza no estudo dos efectos do lume en ecosistemas forestais

O incendio de 2013 en Monte Pindo incrementou a expansión de especies invasoras. Foto: GESFIRE
O incendio de 2013 en Monte Pindo incrementou a expansión de especies invasoras. Foto: GESFIRE

O proxecto de investigación GESFIRE, Ferramentas multiescala para a xestión post-incendio de ecosistemas forestais propensos ao lume no contexto de cambio global, alcanza o seu ecuador. Dende 2014, o seu obxectivo é poñer a tecnoloxía e a investigación á busca de novas formas de intervir fronte aos efectos dos incendios forestais e, sobre todo, facilitar ferramentas para optimizar a xestión posterior ao incendio. No seu desenvolvemento está implicado o grupo de Ecoloxía do Lume do que forman parte as investigadoras Mercedes Casal e Otilia Reyes, así como outros investigadores tanto dos campus de Santiago e Lugo.

En varias superficies que sufriron incendios extensos en 2013, e a partir de imaxes de satélite, investigadores destes grupos teñen elaborado unha serie de cartografías, diferenciando as zonas de pinar de Pinus pinaster que sufriron diferentes severidades de lume. Xa nas zonas seleccionadas para desenvolver o proxecto, no Monte Pindo e en Serres, estudáronse os efectos da intensidade do lume para determinar indicadores de severidade eficaces, tanto do solo como de vexetación. Nesta primeira fase do proxecto tamén se estudou a rexeneración natural da comunidade vexetal en parcelas de diferentes escalas para coñecer o seu desenvolvemento temporal e o da súa biodiversidade, así como o recrutamento das principais poboacións de P. pinaster e doutras especies arbóreas.

Como explican as investigadoras, en fases posteriores poderase comparar a efectividade das diferentes escalas de imaxes e diferentes resolucións. Mercedes Casal e Otilia Reyes concretan que este estudo “estendido no tempo permitirá operar a un nivel máis detallado e determinar cales son os mellores indicadores de severidade e rexeneración de entre os modelos detectados previamente”.

Nesta primeira etapa, os traballos realizáronse en áreas forestais de Galicia afectadas por grandes incendios, concretamente no Monte Pindo, no concello de Carnota, e en Serres, no de Muros. As investigadoras consideran que o traballo realizado ata o momento “presenta interesantes resultados con facetas aplicadas que contribuirán a unha mellor xestión post incendio das superficies afectadas”. Neste contexto, cabe destacar que o Monte Pindo é unha área LIC (Lugares de Importancia Comunitaria) da Rede Natura, cun alto valor ecolóxico e xeolóxico.

Especies invasoras
Outros dos aspectos avaliados ata o momento foron os comportamentos rexenerativos de diferentes especies nativas, de especies ameazadas e de especies exóticas invasoras no Monte Pindo e os seus arredores, así como a competencia que se xera entre elas e que incide en cambios na biodiversidade e na estrutura da comunidade vexetal e das poboacións.

O equipo de investigación detectou un elevado número de especies exóticas invasoras, “ destacando tres especies arbóreas que presentan un elevado potencial invasor”. Ademais analizouse a cartografía de usos de Carnota e comezouse o proceso de identificación e cuantificación dos servizos ecosistémicos que resultaron dos afectados polo incendio de Monte Pindo.

O traballo desenvolvido xa “permitiu alcanzar os fitos marcados no proxecto solicitado ao Ministerio e parte dos resultados xa se publicaron ou están en vías de publicación en revistas científicas”, explican as investigadoras. Ademais, o proceso investigador serviu para a formación de alumnado de diferentes niveis e os resultados obtidos deron lugar a diversos traballos fin de grao, carreira e máster.

Retos da sociedade
GESFIRE é un proxecto financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade dentro da convocatoria de programas de I+D+i orientada os Retos da Sociedade. Do seu desenvolvemento encárganse dous grupos de Ecoloxía e Botánica da USC que traballan en coordinación con equipos das universidades de León, Valladolid e de Alacante. O proxecto conta con axudas do FEDER e tamén co apoio da Administración Forestal de Galicia, do Concello de Carnota e de empresas galegas relacionadas co uso dos ecosistemas afectados polo lume.

Ligazóns relacionados:

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.05.2016.