Pasar al contenido principal

A USC afonda na pedagoxía Montessori nun curso de verán na Facultade de Ciencias da Educación

Cartaz da Universidade de Verán 2016
Cartaz da Universidade de Verán 2016

A Facultade de Ciencias da Educación da USC afondará na pedagoxía Montessori a través dun curso da Universidade de Verán 2016 que se desenvolverá do 13 ao 16 de xuño. Estruturado en 32 horas lectivas e dirixido pola profesora María A. Zabalza Cerderiña, o programa ‘Introdución teórico-práctica á pedagoxía Montessori’, que está aberto á participación dun máximo de 100 persoas, busca divulgar o modelo italiano de escola infantil coñecido como pedagoxía Montessori a través de sesións teóricas e obradoiros prácticos.

Un relatorio introdutorio sobre a chamada pedagoxía Montessori, o ambiente educativo, os cometidos dos profesores e os materiais educativos abrirá o curso o 13 de xuño. Esta sesión inaugural servirá asemade de guía de contidos dun curso de verán no marco do que se presentarán experiencias xa desenvolvidas ao tempo qeu se celebrarán diversos obradoiros específicos sobre rincóns de interese para nenos de 0 a 3 anos, espazos e tempos, materiais educativos e sensoriais, linguaxe, matemáticas... A temática dos outros tres relatorios programados no marco desta actividade formativa incluída na Universidade de Verán 2016 da USC, versarán sobre cuestións ligadas a coidados, achádegos, liberdade, orde, ambientes e actividades de nenos de 0 a 3 e de 0 a 6 anos. As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste seminario formativo, que non conta con límite de prazas, poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste curso, para o que está aberta a matrícula.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.05.2016.