A USC crea o Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados
O Consello de Goberno reunido este venres en sesión ordinaria acordou reorganizar a actual estrutura de xestión dos estudos de doutoramento na USC, coa creación do Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC (CIEDUS) así como do Centro de Estudos Propios (CEP). O CIEDUS terá como obxecto a xestión e a coordinación das ensinanzas de doutoramento na Universidade compostelá e dos procesos que conduzan á obtención do título de doutor, ao tempo que asume tamén as actividades atribuídas actualmente ao Centro de Estudos Avanzados.
Paralelamente créanse cadansúa Escola de Doutoramento Internacional para as respectivas áreas de Ciencias da Saúde; Ciencias e Tecnoloxías; Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas; e a de Ciencias Agroalimentarias, Veterinarias e do Desenvolvemento Rural, esta última coa denominación de Escola de Doutoramento Internacional Campus Terra da USC.
Polo que respecta ao Centro de Estudos Propios, xurde pola transformación do actual Centro de Posgrao, e encargarase da xestión e coordinación dos estudos propios da institución académica así como de calquera outra asignada polo Consello de Goberno.
Protocolo de Acoso
O consello de Goberno aprobou tamén un Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero, un documento elaborou pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, co que a Universidade compostelá busca erradicar calquera comportamento atentatorio contra a dignidade da persoa, en particular as condutas de índole sexual e discriminatorias por razón de sexo que tratan de degradala, erosionando así o principio de igualdade.
O presente protocolo será un referente para planificar medidas preventivas así como para establecer un procedemento áxil e eficaz que permita actuar con todas as garantías en situacións de acoso sexual, por razón de sexo, orientación sexual ou identidade de xénero. O obxectivo é eliminar calquera forma de discriminación derivada dunha condición persoal vinculada ao binomio sexo-xénero e baseada na vontade e a liberdade individual.
Outros puntos
A orde do día desta xuntanza ordinaria tamén aprobou a asignación de prazas para o corpo de catedráticos, un total de catro para a promoción de profesorado funcionario acreditado a cátedra. Concretamente a proposta analizada aprobou a asignación de prazas para as áreas de Enfermaría, Dereito Administrativo, Xeografía Humana e Filoloxía Grega.
Outros temas que trata este Consello de Goberno foron a creación da Cátedra institucional Camiño de Santiago e as Peregrinacións, os programas de investigación de xestión integrada e da normativa para a xestión e uso dos recursos xerados dos proxectos no eido do Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea Horizonte 2020, o Plan de Melloras 2016.