Pasar al contenido principal

USC e Sanidade asinaron un convenio para a colaboración de profesionais do CHUVI na docencia clínica do grao de Medicina

No centro da imaxe, o conselleiro e o reitor no acto de sinatura. Foto: Xunta de Galicia
No centro da imaxe, o conselleiro e o reitor no acto de sinatura. Foto: Xunta de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Viaño Rey, asinaron un convenio de colaboración para facilitar a participación dos profesionais sanitarios do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) na impartición da docencia clínica en Medicina. O Servizo Galego de Saúde promoverá esta participación a través dunha axuda cun importe máximo de 59.629,68 euros.

Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela comprometese a ofertar a entre 60-80 alumnos e alumnas, a realización das materias practicas de docencia clínica do 6º curso do grao en Medicina no citado complexo hospitalario, durante a vixencia do presente convenio.

O Servizo Galego de Saúde é consciente de que a participación activa dos profesionais sanitarios do CHUVI na docencia clínica dos estudantes de Medicina supón un estímulo importante para a súa actualización e formación continuada o que redundará nunha maior satisfacción dos profesionais e nunha mellor atención ós cidadáns. Neste senso, o Sergas considera moi importante que o CHUVI colabore coa Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC participando na docencia clínica do Grao de Medicina.

A USC ordenará a participación destes profesionais a través da convocatoria de nove prazas de PACs do CHUVI para o curso académico 2016-2017 e 2017-2018 que corresponderán ás seguintes áreas de coñecemento: catro prazas da área de coñecemento de Medicina (cardioloxía, dixestivo, neuroloxía e pneumoloxía); unha praza da área de Psiquiatría, tres prazas da área de Cirurxía (anestesioloxía, cirurxía vascular e neurocirurxía), e unha praza da área de Pediatría. A Universidade levará a cabo as accións necesarias para promover que poidan ser convocadas con cargo ao seu orzamento a partir do curso académico 2018-2019.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.04.2016.