A USC impulsa o desenvolvemento de alimentos acaídos para maiores de 65 anos no marco do proxecto europeo Nutriage
A USC impulsa solución avanzadas para o envellecemento saudable a través da nutrición no marco do proxecto europeo Nutriage, no que a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do campus de Lugo da USC colabora cun consorcio de socios nacionais e internacionais no deseño e no desenvolvemento de prototipos alimentarios que cumpran uns requirimentos nutricionais previamente determinados e acaídos para as persoas maiores de 65 anos e que, á súa vez, resulten viables desde o punto de vista industrial.
O proxecto europeo Nutriage, Solucións Avanzadas para un Envellecemento Saudable a través da Nutrición ten como meta mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 65 anos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal asegurando o envellecemento saudable da poboación desta franxa de idade e que se calcula que en Galicia será de case o 40 % da poboación en 2050. O proxecto baséase na avaliación, estudo e deseño de estratexias nutricionais personalizadas (fundamentadas na alimentación tradicional atlántica) e no desenvolvemento de novos produtos alimenticios.
O programa Nutriage, que recibe financiamento dos fondos Feder a través do programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e coordinado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, pretende, ademais de optimizar o estado nutricional das persoas maiores para previr o seu declive funcional e cognitivo, xerar tamén capacidades e solucións en I+D+I que favorezan esta mellora da calidade de vida. Reforzar a sustentabilidade e a eficiencia do sistema sociosanitario, e incentivar o crecemento e a xeración de novas oportunidades de negocio para a industria agroalimentaria constitúen outros dos cometidos desta iniciativa.
A implicación da Aplta no marco deste proxecto é moi completa e pragmática, dado que está en relación coas estratexias de intervención, a partir dos requirimentos nutricionais detectados para ese grupo de poboación e das suxestións das empresas que xestionan os comedores de centros de atención a maiores. Daquela, en función de toda a información e documentación previa compilada, a Aplta ocúpase de deseñar e de desenvolver prototipos de alimentos que permiten cubrir as súas necesidades e que resulten, ao mesmo tempo, viables desde o punto de vista industrial.
No proceso de deseño e desenvolvemento non se perde de vista en ningún momento o compoñente comercial, segundo se sinala desde a Aplta, xa que para lograr que o proxecto non quede estancado nos resultados da investigación e garantir que os coñecementos adquiridos cheguen ao consumidor final, mantense un contacto permanente coas industrias (principalmente lácteas) que apoian o proxecto. A implicación das empresas prolóngase durante todo o desenvolvemento dos prototipos, o que permite garantir a súa viabilidade no mercado con vistas á súa comercialización.
O desenvolvemento das diferentes accións contempladas en Nutriage é responsabilidade dun consorcio formado por Clusaga (Asociación Clúster Alimentario de Galicia), a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade Católica Portuguesa - Centro Rexional do Porto, a Associação Integralar (PortugalFoods), Anfaco- Cecopesaca (Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos - Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, a FIDIS (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela) e a institución Santa Casa dá Misericórdia do Porto.
As diferentes actividades que están previstas implementar parten dunha completa avaliación da situación actual (alimentación nas residencias, hábitos alimentarios, microbiota e deterioración cognitiva da poboación de máis de 65 anos), para despois deseñar e activar estratexias de intervención e, finalmente, avaliar o impacto e a proxección socioeconómica das investigacións realizadas.