Charlas sobre emprendemento na Facultade de Ciencias da Educación
A Universidade de Santiago, a través da AVTE e Uninova, ten xa en marcha a XV edición do seu Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras, aberto a toda a comunidade universitaria e cuxo obxectivo principal é fomentar a iniciativa emprendedora. O certame outorga cinco premios de 500 euros.
No marco do concurso, esta semana terán lugar dúas charlas informativas a cargo de mulleres emprendedoras nas dúas sedes da Facultade de Ciencias da Educación. A primeira delas será este mércores 20 ás 11:45 horas no centro do Campus Vida, e nela Ana Framiñán Fraga, licenciada en Económicas pola Universidade de A Coruña e directora e socia de U.na Grupo, compartirá a súa experiencia emprendedora como consultora de formación especializada en educación emocional, coach executivo e de equipos.
Xa o xoves 21, ás 11:45 horas no salón de actos da Facultade no Campus Norte, Alba Alonso Feijoo, doutora en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo e promotora de Realkiddys, falará desta plataforma que nace coa intención de cambiar o pensamento respecto da educación que deben recibir os nosos nenos e nenas.