Comeza a segunda Xornada de Educación para o Desenvolvemento
A Facultade de Ciencias da Educación acolle este martes 19 a partir das 15.00 horas a II Xornada de Educación para o Desenvolvemento organizada pola Oficina de Desenvolvemento Sostible e o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC. A actividade enmárcase dentro dos eixos 1 e 3 do Plan de Desenvolvemento Sostible dedicados á xeración do coñecemento e á educación e sensibilización e da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento.
O III Plan director da cooperación galega define a educación para o desenvolvemento como un proceso educativo permanente baseado en metodoloxías críticas e activas de aprendizaxe que procura a xeración dunha cidadanía global e activa, responsable, comprometida e con conciencia crítica. Trátase de xerar unha cultura da solidariedade local e global que promova o cambio social de abaixo-arriba, a erradicación da pobreza e da exclusión e o desenvolvemento humano sostible a través da participación cidadá inclusiva. E todo, con propostas de alternativas transformadoras e na definición e construción de institucións e políticas nacionais e internacionais baseadas en criterios normativos de xustiza social e global para a efectiva realización dos dereitos humanos.
A xornada comeza cun relatorio sobre o significado e o papel da educación para o desenvolvemento a cargo de Solidariedade Internacional de Galicia, que explicará os seus proxectos en educación secundaria nunha mesa redonda con diferentes entidades implicadas como o grupo GTO. 100Tolas, que abordará a súa experiencia co teatro do oprimido como metodoloxía, e Asemblea de Cooperación pola Paz que achegará o seu compromiso coa educación non formal, presentando o proxecto de barrios abertos de Compostela. Complementan a rolda de intervencións Renée Depalma Úngaro e Mª Cristina Pérez Crego, investigadoras da Universidade da Coruña, que falarán da investigación como ferramenta de mellora e de fortalecemento da educación para o desenvolvemento.
Para pechar a xornada, a técnica da USC da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento Carolina Lodeiro presentará as bases do Enfoque do Marco Lóxico (EML), metodoloxía de planificación, desenvolvemento e avaliación de proxectos.