Pasar al contenido principal

A USC e Sanidade asinan a colaboración para redactar o proxecto de construción da nova Facultade de Medicina e Odontoloxía

Jesús Vázquez e Juan Viaño asinaron o documento nun acto ao que tamén acudiu o decano Juan Gestal. Foto: Xunta
Jesús Vázquez e Juan Viaño asinaron o documento nun acto ao que tamén acudiu o decano Juan Gestal. Foto: Xunta

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron este martes un convenio co obxecto de establecer a colaboración para a construción dunha nova facultade de Medicina e Odontoloxía da USC a carón do actual Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

A Universidade de Santiago de Compostela convocará un concurso para a realización do anteproxecto do novo edificio que albergará a nova Facultade de Medicina e Odontoloxía. Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde comprométese a colaborar no financiamento dos custos de participación no concurso na contía máxima de 60.500 euros.

No caso de que dentro do exercicio orzamentario de 2016 se verifique a viabilidade da execución do proxecto, o Servizo Galego de Saúde e a USC establecerán os instrumentos que se consideren necesarios para financiar os custos de redacción do proxecto básico. En todo caso calquera compromiso de financiamento adicional esixirá un novo acordo entre as partes.

Avances de colaboración nos últimos anos
A Facultade de Medicina da USC, creada en 1648, ocupa desde 1928 un edificio na rúa San Francisco do casco histórico de Compostela, a onde se trasladou desde o Colexio de Fonseca para estar preto do Hospital Real (entón Hospital Clínico).

Co tempo, as instalacións resultaron insuficientes para satisfacer o incremento da demanda de actividade clínica e asistencial, polo que se fixo necesaria a construción dun novo edificio, que hoxe se coñece como Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e foi inaugurado en outubro de 1999.

Posteriormente a USC creou a agrupación estratéxica Campus Vida, biocluster no campo das ciencias da saúde, que en 2009 alcanzou a cualificación de Campus de Excelencia Internacional de ámbito rexional e que en 2011 se ampliou a Campus de Excelencia de referencia global. Construíu tamén nas proximidades do Hospital Clínico Universitario o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) que integra grupos de investigación de profesores de materias básicas da titulación de Medicina.

Ademais en 2008 constituíuse, mediante convenio entre o Servizo Galego de Saúde, a Consellería de Sanidade e a USC, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que de seguido acadou a acreditación do Instituto de Saúde Carlos III e que integra profesores de áreas clínicas da Facultade de Medicina e persoal do Hospital, no que ten emprazada a súa sede.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.04.2016.