Pasar al contenido principal

Unha exposición en Xeografía e Historia rememora o 150 aniversario das fronteiras entre España e Portugal

Ademais está prevista unha conferencia este xoves sobre esta mesma cuestión

O Tratado de Lisboa de 1864 que fixaba as fronteiras vixentes actualmente entre Portugal e España, é o tema dunha conferencia e unha exposición na Facultade de Xeografía e Historia que rememorará o 150 aniversario da súa vixencia. A partir das 12.00 horas na Sala de Profesores do centro compostelán, o presidente do Consello da Cultura Galega e profesor Ramón Villares Paz e o docente da Universidade Carlos III Jacobo García Álvarez impartirán a conferencia ‘O Tratado de Lisboa 1864-2016. Máis de século e medio da delimitación cartográfica do territorio. A entrada será libre.

Paralelamente, o claustro acollerá a exposición cartográfica ‘Debuxando a liña (1864-2016): 150 anos do Tratado de Límites entre España e Portugal’. É unha mostra que chega agora a Santiago procendente de Ourense e logo de pasar por varias cidades da rexión norte de Portugal, partindo de Braga en 2014.

A exposición xurde dun proxecto de investigación sobre a delimitación moderna da Raia que foi desenvolvido dende 2012 cunha axuda do Ministerio de Economía e Competitividade e conta coa colaboración de diferentes entidades, entre elas a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) e os grupos de investigación de Análise Territorial (ANTE) e de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da USC.

Unha selección de quince documentos, a maior parte deles mapas e planos inéditos procedentes dos fondos do Arquivo Cartográfico e de Estudos Xeográficos do Centro Xeográfico do Exército, conforman o relato da mostra. Esta cartografía, elaborada entre mediados do século XVIII e finais do XIX, refírese integramente ao sector galaico-portugués da Raia. Como explican os seus promotores, a súa presentación permite mostrar a evolución das representacións xeográficas dende o Antigo Réxime ata a súa demarcación definitiva e entender algunhas das claves definitorias da organización espacial da fronteira hispano-portuguesa ao longo deste período. Ademais, esta iniciativa reivindica e dá a coñecer o “orixinal e valioso patrimonio documental (xeográfico e cartográfico) derivado do labor das Comisións Mixtas de Límites luso-españolas que prepararon e executaron o Tratado de 1864”, engaden os promotores.

O relato expositivo estrutúrase en tres partes, ademais dunha introdución, referidas, sucesivamente, á fronteira hispano-portuguesa a fins do Antigo Réxime; as preparacións e negociacións do Tratado de Límites de Lisboa e os seus anexos (1854-1866); e ao proceso de demarcación da Raia delimitada por devandito Tratado, desenvolvido entre 1866 e 1906.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2016.