A USC implícase cunha Compostela ‘máis verde’

Facer de Santiago unha cidade aínda máis verde nun proceso tecnolóxico liderado pola propia cidadanía é o obxectivo de GREeNs, un proxecto que o Concello vén de presentar á última convocatoria europea de Accións Urbanas Innovadoras en colaboración coa Universidade de Santiago e con empresas como Galuresa ou Televés.
GREeNs presentouse hoxe nunha rolda de prensa na que participaron o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri; o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e o director de I+D de Televés, Sebastián Pantoja. Duro explicou que GREeNs “pretende reducir a pegada dos gases de efecto invernadoiro e mellorar o espazo público na cidade, mudando os comportamentos da cidadanía en materia de mobilidade e consumo de enerxía e dándolle un novo uso aos edificios residenciais”.
O proxecto contempla a posta en marcha dun piloto en vinte edificios residenciais da cidade nos que se despregará a tecnoloxía que permita instalar sistemas de monitoreo de consumo de enerxía para promover o comportamento ecolóxico das persoas usuarias e o aforro enerxético; a instalación dun sistema que permita que as persoas propietarias aluguen as súas prazas de estacionamento privado compensando a desaparición de prazas en superficie; e a instalación dun sistema de monitoreo da calidade do aire para poder facer unha avaliación precisa dos resultados do proxecto.
Todos estes compoñentes habilitaranse mediante unha solución tecnolóxica que se complementará cun sistema de recompensas para animar á veciñanza a ter comportamentos máis sustentables, seguindo o modelo doutras iniciativas similares que acadaron un notable éxito como a Tropa Verde.
A Universidade de Santiago, a través de CiTIUS e Uninova, colaborará no desenvolvemento de algoritmos para obter os patróns de consumo de enerxía nos edificios seleccionados e liderará o proceso de innovación aberta para ampliar o tecido innovador da cidade que se implique na mellora da plataforma. Neste senso Televés, principal socio do proxecto e asesor tecnolóxico, participará na definición e implementación do modelo GREeNs, habilitará os edificios dixitais centrándose en cubrir as necesidades de comunicación e a medición efectiva da pegada de carbono e apoiará o proceso que asegure que o modelo é compatible con outras rexións, servizos e mercados.
Resposta positiva GREeNs está inspirado en propostas similares que se veñen desenvolvendo en cidades de todo o mundo como Seattle, pero tamén en municipios do Estado como Rivas Vaciamadrid, Barcelona ou Avilés. O edil de Medio Ambiente apuntou que “o Concello xa vén mantendo xuntanzas coas comunidades de propietarios de edificios que poderían participar no proxecto piloto, e a resposta inicial foi positiva, tanto no relacionado coa instalación dos diferentes elementos de monitorización como en relación ao alugueiro de prazas de estacionamento”.
De ser seleccionado, GREeNS desenvolveríase nun prazo de tres anos, desde setembro de 2019 ata setembro de 2022 cun orzamento total de 4,5 millóns de euros, dos que 3,6 procederían da achega europea. O Concello de Santiago financiaría case 320.000 euros, Televés 228.000 euros, a Universidade de Santiago 170.000 euros, e o resto correría a cargo doutros socios como Galuresa, EcoMT ou COAFGA.