Pasar al contenido principal

Fondo pesar polo falecemento do profesor José García Oro

A Universidade de Santiago de Compostela quere manifestar o seu fondo pesar polo falecemento do profesor xubilado da Facultade de Xeografía e Historia José García Oro, experto en Paleografía que deixou unha fonda pegada neste centro compostelá.

Cunha ampla traxectoria académica que se inicia na década dos anos 60 e se estendeu ata 2011, José García Oro foi profesor de Paleografía na USC e autor de máis de 70 libros. Doutorouse en Historia cunha tese sobre o cardeal Cisneros, o que abriu a porta a unha liña de investigación sobre a historia da Igrexa en Galicia no período baixo medieval e no século XVI arredor da que reuniu un destacado volume de información e documentación microfilmada a partir dos arquivos da orde Franciscana, á que el mesmo pertencía.

Aos estudos arredor da Igrexa súmase a súa produción sobre a nobreza galega entre os séculos XIV e XVI, as cidades e vilas de Galicia en colaboración coa Mª Xosé Portela Silva ou sobre a orde Franciscana, particularmente na comunidade galega. Máis alá da dimensión académica, algún dos seus discípulos lémbrano como unha persoa “extremadamente sinxela e aberta”, cunha traxectoria humana “ rica e xenerosa” ao que se suma a súa faceta como “un magnífico comunicador con dotes para impulsar o traballo do seu alumnado”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.01.2019.