Pasar al contenido principal

Analizan nunhas xornadas os problemas actuais da seguridade social no ámbito internacional e europeo

A Facultade de Relacións Laborais reúne este xoves 7 e o venres a especialistas de España, Italia, Portugal e Alemaña para estudar a problemática actual da seguridade social no ámbito internacional e europeo. A xornada inaugurarase ás 16.00 horas cunha conferencia sobre as prestacións non contributivas de desemprego para migrantes en Alemaña a cargo de Hans-Joachim Reinhard, do Instituto Max-Planck.

A continuación, o avogado Cándido Calo e o maxistrado Emilio Fernández de la Mata exporán experiencias prácticas sobre a cuestión prexudicial en materia de seguridade social. A xénese do Convenio Multilateral Iberoamericano de Seguridade Social e o seu ámbito de aplicación persoal e material serán as cuestión coas que se pechará a sesión do xoves.

Xa o venres os relatorios xirarán en torno ás prestacións familiares en Alemaña e a súa relación cos dereitos de conciliación de vida persoal, familiar e laboral; a comparación da xubilación en Portugal, Italia e España; e as repercusións do traballo a tempo parcial sobre o principio de igualdade no emprego.

O encontro, dirixido polos profesores José María Miranda Boto e Cristina Sánchez-Rodas Navarro, está organizado poloproxecto de investigación ‘A adaptación do ordenamento español á xurisprudencia social do Tribunal de Xusticia’, a Rede de Excelencia ‘Coordinación dos sistemas de Seguridade Social na Unión Europea e Iberoamérica’ e o posgrao en Xestión e Dirección Laboral.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.04.2016.