Pasar al contenido principal

O cuarto Congreso de Fenda Dixital explora as posibilidades das TIC en materia de inclusión educativa

Na primeira xornada, proxectarase a curtametraxe Vida sobre o día a día de persoas con discapacidade intelectual

Na súa cuarta edición, o Congreso de Fenda Dixital analizará as posibilidades que as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) poden ofrecer para contribuír ao desenvolvemento de procesos de inclusión educativa, á abordaxe das necesidades educativas especiais e a facilitar ou promover a igualdade. O encontro celebrarase na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) a partir deste xoves 7 e ata o sábado 9.

A xornada inaugural presidiraa ás 9.30 horas o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira, este xoves 7. Intervirán tamén a decana da Facultade, Carmen Fernández Morante; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, Manuel Corredoira; o concelleiro de Educación de Santiago, Manuel Dios; a presidenta de Nova Escola Galega, Mariló Cancelo; Daniela Gonzalves en representación das universidades portuguesas participantes; e Montse Castro, en nome do comité organizador. A conferencia que abrirá a quenda de intervencións estará dedicada aos desafíos da inclusión na sociedade dixital e impartiraa Ángeles Parrilla, da Universidade de Vigo, e Tiberio Feliz da UNED.

A xornada da tarde, a partir das 16.30 horas continuará cun relatorio sobre recursos educacionais abertos e a democratización do coñecemento e unha mesa redonda que avaliará a contribución das TIC en iniciativas de atención á diversidade. Este primeiro día do congreso concluirá coa proxección das pezas que integran o proxecto ‘Vida’ de Rubén Riós, unha curtametraxe –Vida- e un documental – Máis ca Vida- de marcado carácter social protagonizados por persoas con discapacidade funcional que entrelazan nun guión os medos e prexuízos que aparecen no día a día destas persoas.

Coa participación de actores de éxito como Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, María Mera ou Estíbaliz Veiga, Vida e Máis ca Vida buscan mostrar as gañas dos/das protagonistas por rachar as barreiras cunha mentalidade positiva.

Fenda dixital
O congreso organízano nesta edición as facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas, xunto coa Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, o Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal e outras institucións investigadoras e profesionais arredor da docencia e a pedagoxía tanto galegas como brasileiras. A organización pretende crear un espazo de encontro internacional a través do que xerar debate sobre o estado actual das TIC nos diferentes contextos educativos.

Como explica o profesor da USC e membro do equipo coordinador Xesús Rodríguez, o Congreso de Fenda Dixital constitúe tamén un contexto de intercambio sobre experiencias e proxectos de investigación innovadores, favorece o feedback e a reflexión entre docentes, educadores/as sociais, profesionais da pedagoxía ou da psicoloxía e asistentes sociais coa finalidade de analizar criticamente o papel que as TIC desempeñan no ámbito académico e nos contextos sociocomunitarios. O programa prestará atención especial tamén a coñecer aquelas experiencias nas que estas tecnoloxías están a desenvolver un papel fundamental na integración da diversidade de colectivos sociais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.04.2016.