Pasar al contenido principal

Unha investigación propón métodos para aforrar enerxía nas estacións de depuración de augas mediante análises avanzadas de datos

Stefano Longo, terceiro pola dereita, acompañado dos directores da súa tese e os membros do tribunal
Stefano Longo, terceiro pola dereita, acompañado dos directores da súa tese e os membros do tribunal

A medida e mellora da eficiencia enerxética das estacións de depuración de augas residuais urbanas (EDAR) é o tema de estudo da tese de doutoramento de Stefano Longo titulada ‘Assessment of energy efficiency in wastewater treatment plants. Turning data into useful information’. Baixo a dirección da profesora Almudena Hospido Quintana e do investigador Miguel Mauricio Iglesias do grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) do Departamento de Enxeñaría Química, a investigación abordou a necesidade de definir, medir, analizar e comparar indicadores apropiados de uso de enerxía nas EDAR para mellorar a súa eficiencia enerxética. Longo apunta que o consumo eléctrico dos sistemas de tratamento de auga residual representa un 1% do consumo mundial, sendo un dos sectores máis intensivos en enerxía dentro das industrias públicas.

Grazas aos avances nas tecnoloxías de información e á proliferación de sistemas de control e adquisición de datos e sensores existe unha gran cantidade de datos sobre a xestión das augas residuais urbanas que son “moi pouco utilizados e constitúen un recurso precioso para mellorar o rendemento dos procesos”. Neste senso, Stefano Longo explica que “unha idea central neste traballo é que é posible usar métodos de benchmarking para extraer información e coñecemento destes datos”. Dado que as EDAR son sistemas únicos, a investigación levouse a cabo conxuntamente con empresas de saneamento, “ estratéxicas para establecer como aplicar os métodos de análise de datos e asegurar que os resultados sexan de fácil interpretación”.

Na tese aplicáronse ferramentas como a Análise Envolvente de Datos (DEA polas súas siglas en inglés), Análise Estocástica de Fronteiras (SFA) e Análise de Ciclo de Vida (LCA). As técnicas descritas, “usadas e melloradas nesta tese serán esenciais para mellorar as operacións das EDAR”. En particular, Longo considera que o traballo realizado permitirá ofrecer orientación sobre como definir a eficiencia enerxética das EDAR e a diagnose das causas nos casos de rendemento enerxético baixo. O investigador agarda que os resultados da investigación dean lugar a “aforros importantes” de enerxía no tratamento de augas residuais”.

ENERWATER A tese desenvolveuse no marco do proxecto ENERWATER, unha plataforma de colaboración financiada polo programa Horizon 2020 e coordinada pola USC, co obxectivo principal de desenvolver un estándar para medir o consumo das EDAR, cuantificar a súa eficiencia enerxética e favorecer a transferencia de coñecemento mediante unha etiqueta enerxética facilmente recoñecible. Co gallo de acadar o máximo impacto, ENERWATER colaborou co Comité Europeo de Normalización (Comité Técnico CEN 165), no proceso de transformar o método homónimo nunha norma estándar europea para a avaliación e comunicación da eficiencia enerxética das estacións de depuración de augas residuais. Por todas estas actividades, ENERWATER foi premiado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia como o mellor proxecto de eficiencia enerxética nos Premios Galicia Enerxía 2018.

A investigación doutoral viuse reflectida en varias publicacións nas revistas científicas internacionais máis destacadas no ámbito da enerxía (Applied Energy, Energy Journal) e da auga (Water Research), así como na participación en máis de dez conferencias de ámbito internacional. Dentro das actividades da súa tese, Stefano Longo tamén levou a cabo colaboracións importantes con outros centros de investigación internacionais como o Surrey Energy Economic Center (SEEC) na Universidade de Surrey (Reino Unido).

O tribunal que avaliou o traballo estaba formado por María Luz Loureiro García, catedrática de Fundamentos de Análise Económica da USC; Silvia Fiore, profesora de Enxeñaría de Saneamento e Ambiental da Universidade de Turín, e Lluis Corominas Tabares, investigador do Instituto Catalán de Investigación da Auga.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.01.2019.