Pasar al contenido principal

Un congreso internacional analizará os retos xurídicos do novo mercado de traballo propiciado polas TIC

Teletraballo, impacto das redes sociais nos procesos de selección, secreto profesional, control do empresario ou liberdade de expresión entre os temas que se tratan

A influencia das novas tecnoloxías propicia cambios en distintas esferas, entre elas a do mercado de traballo e as modalidades laborais. Entre este xoves 14 e o venres 15 un congreso internacional abordará na USC como o Dereito do Traballo asume os retos formulados no terreo xurídico polo avance das TIC e a superación do modelo produtivo baseado no traballo presencial.

Novas Tecnoloxías e novas formas de traballar no dereito español e comparado. Renovarse ou morir’ é o lema deste encontro internacional que porá o enfoque no que sucede en España pero tamén noutros países como Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia, Polonia e Arxentina. Analizaranse en detalle as particularidades de novos conceptos como ‘sharing economy’ ou ‘uberización’ do traballo, novas formas de traballo colectivo xunto ás que emerxen outras que se adaptan mellor ao novo emprendedor individual dixital como son o ICT mobile work, casual work, voucher based work ou o portafolio work.

Deste xeito, nas mesas de debate abordaranse cuestións relacionadas coas novas relacións laborais, o uso das redes sociais, os novos medios de proba electrónica, a conciliación ou o teletraballo, entre moitas outras.

Programa
A sesión inaugural celebrarase a partir das 9.15 horas na Facultade de Dereito e dará paso ás primeiras das intervencións do congreso, sobre novas tecnoloxías e novas maneiras de traballar individualmente e de xeito colectivo. Ademais tamén se incluirá no debate a perspectiva empresarial coa presentación do caso das empresas informáticas multiservizos ou o impacto das redes sociais nos procesos de selección, o secreto profesional, a liberade de expresión, a competencia contractual ou o control do empresario. Un relatorio sobre os medios de proba electrónica completarán a sesión matinal.

Pola tarde, a partir das 16.30 horas será a quenda de analizar a perspectiva sindical das novas maneiras de traballar así como as posibilidades de conciliar neste escenario. Para rematar a sesión do xoves, está programado un obradoiro a partir das 17.30 horas sobre exemplos de boas prácticas en teletraballo, nos que se presentarán propostas desenvolvidas en Polonia, así como na empresa Repsol e na Xunta de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.04.2016.