Pasar al contenido principal

Estudantes de cinco centros de ensino medio da provincia participan este xoves nos ‘Encontros no campus de Lugo’

Estudantes de ensino medio procedentes de distintos centros educativos da provincia de Lugo visitan este xoves 11 de febreiro os centros universitarios da USC radicados no campus lugués a través da xornada ‘Encontros no campus de Lugo’, unha iniciativa enmarcada no programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ e orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos da USC nesta sede universitaria a estudantes preuniversitarios.

O programa desta xornada de achegamento da USC ao estudantado preuniversitario comezará a desenvolverse a partir das 11.00 horas no auditorio da Facultade de Veterinaria, onde o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, dará a benvida aos participantes. De seguido, o coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo, Francisco Javier López González, fará unha presentación xeral do campus lugués. Ao remate desta exposición, un grupo de estudantes universitarios do campus de Lugo compartirá co auditorio as súas respectivas experiencias na USC, ademais doutras vivencias na cidade de Lugo.

Unha vez rematada esta sesión de presentación e benvida, os mozos e mozas presentes, distribuídos en grupos en función das súas preferencias e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completarán itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros. A xornada rematará ás 14.00 horas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.02.2016.