Pasar al contenido principal

‘Xuvenciencia para profesorado’ achega este sábado a I+D+i do campus de Lugo a ensinantes de secundaria de toda Galicia

A vicerreitora Carme Silva abre, ás 10.00 horas, na Intercentros, un foro de divulgación a través do que se buscan ligazóns entre docentes preuniversitarios e universitarios

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo da USC, Carme Silva Domínguez, inaugura este sábado 13 de febreiro, a partir das 10.00 horas, na Biblioteca Intercentros do campus de Lugo a segunda edición das xornadas ‘Xuvenciencia para profesorado’, un foro de comunicación e información entre profesorado de ensino secundario e universitario, promovido polo grupo de investigación da USC Xuvenciencia e orientado a promover actividades conxuntas dirixidas ao fomento das vocacións científico-técnicas e científico-sociais do alumnado preuniversitario.

A coordinadora do grupo de investigación da USC Xuvenciencia, a profesora da USC Mercedes Novo Rodríguez, e o coordinador do programa ‘A Ponte entre o ensino medio e a USC’ no campus de Lugo, Francisco Javier López, tamén intervirán no acto de apertura deste foro. Un programa de divulgación a través do que a USC pretende afondar nas relacións entre o profesorado de ensino secundario e os docentes universitarios, a fin de achegar así o traballo cotiá de docencia e investigación que se desenvolve nas aulas e laboratorios universitarios do campus de Lugo ao profesorado de ensino secundario A posta en marcha de actividades conxuntas no contexto científico que teñan como obxectivo fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre o estudantado de secundaria constitúe outro dos obxectivos desta segunda edición de Xuvenciencia, un programa que tamén avanza cara a formación de grupos de traballo de profesorado de ensino secundario e universitario para o desenvolvemento de materiais educativos de carácter experimental e interactivo, ademais de pequenos proxectos científicos. Logo da recepción de benvida ao profesorado inscrito nesta xornada, cuxo programa se desenvolverá en quenda de mañá e tarde, a directora do Departamento de Produción Vexetal da USC, Rosa Mosquera, fará unha presentación do programa europeo Agforward. Logo desta primeira quenda de intervencións, os docentes preuniversitarios, agrupados en bloques en función das súas áreas de coñecemento participarán en sesións específicas relacionadas directamente cos itinerarios formativos nos que traballan nas aulas, durante as que tamén se dará formación para o uso con estudantes dos distintos kits educativos de aprendizaxe elaborados ‘ Xuvenciencia na aula’. O profesorado de secundaria ligado ás áreas de coñecemento dos ámbitos científico e tecnolóxico levará gratis aos seus centros de procedencia un dos kits deseñados para realizar experimentos nas aulas. Un deles denomínase 'Animal CSI' e inclúe diversas actividades para desenvolver na aula no ámbito da patoloxía veterinaria, como necropsias ou preparación de mostras para a súa avaliación no microscopio. O 'Vitroplant' é outro dos Kits educativos elaborados por profesores do campus de Lugo. Este inclúe seis actividades para o cultivo in vitro de árbores. O terceiro kit que se achegará aos profesores participantes chámase Photonics Explorer e inclúe material para facer oito experimentos sobre a luz e a tecnoloxía da luz. De xeito parello ao desenvolvemento destas sesións, os profesores encadrados en áreas de coñecemento ligadas ás ciencias sociais poderán participar en sesións específicas durante as que as profesores e investigadores da USC pertencentes ás áreas de Administración de empresas, Debuxo, Economía, Filosofía, Lingua e literatura galega, Lingua castelá e literatura, Xeografía e Historia, presentarán as liñas de investigación nas que están a traballar, ao tempo que avanzarán no posible desenvolvemento de accións conxuntas entre a USC e os centros de ensino medio.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.02.2016.