Pasar al contenido principal

Terceiro concerto do XVIII Ciclo de Novos Intérpretes

Terceiro concerto do XVIII Ciclo de Novos Intérpretes
Terceiro concerto do XVIII Ciclo de Novos Intérpretes

As violinistas Marina Hermida e Lucía Camiños e o clarinetista David Lamas serán os intérpretes do terceiro concerto do XVIII Ciclo de Novos Intérpretes que terá lugar este luns 15 ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia).

Comezará Lucía Camiños con pezas de Bach e Prokofiev. Nada na Coruña en 1992, iniciou os seus estudos musicais no Conservatorio Profesional de Culleredo e rematou o grao profesional coas máximas cualificacións da man de Javier Cedrón no Conservatorio Profesional da Coruña, no que recibiu o Premio Extraordinario Fin de Grao e gañou o concurso de solistas. Continuou a súa formación no Conservatorio Superior de Salamanca con Patricio Gutiérrez e Marc Oliu e actualmente realiza o último curso de grao superior no Conservatorio Superior da Coruña coa profesora Beatriz Rodríguez. Tamén estuda primeiro de grao superior na especialidade de viola con Sergio Sieiro Rey. Forma parte do Cuarteto Sunrise e actualmente é alumna activa da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia e integrante da Orquestra Gaos dende 2010.

O recital continuará con Marina Hermida (Pontevedra, 1999) que, acompañada de Alina Pociute ao piano, interpretará obras de Bach,
Pietro Nardini, Camille Saint-Saëns, Fritz Kreisler e Tchaikovski. Durante o curso 2014-2015 a violinista foi concertino da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia e seleccionada para tocar como solista no proxecto Son Futuro e para tocar Pini de Roma coa Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Dima Slobodeniouk no Palacio da Ópera de A Coruña. É membro do dúo de acordeón e violín Fírveda. Recibíu clases maxistrais de violín de mestres como Yuko Iwatani, Chisako Okamoto, Hitomi Aihara, Makio Ueda, Cibrán Sierra, Enrique Iglesias, Debora Hamburguer e Adrián Linares, e de viola de gamba con Vittorio Ghielmi. Gravou como violín solista acompañada pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra o Concerto en estilo antigo de Manuel Quiroga no disco conmemorativo 150 anos do Conservatorio de Pontevedra. Con 15 anos rematou o grao profesional na especialidade de violín co premio fin de grao no CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra. Simultanea os estudos de viola de gamba (5º de grao profesional) e obtivo o Premio Extraordinario de Ensinanzas Artística da Comunidade de Galicia.

Na terceira e última parte, o clarinetista David Lamas Blanco interpretará, acompañado do pianista Alejo Amoedo, un concerto de Carl Maria von Weber. Nado en Ourense en 1990, comezou a súa relación co clarinete aos sete anos no Conservatorio Profesional desa cidade cos profesores Sergi Perelló e Nicanor Domínguez. En 2008 ingresou no Conservatorio Superior de A Coruña da man de Mariola Gil, con quen remata o grao superior. Actualmente realiza un Master en Interpretación Solista no Centro Katarina Gurska (Madrid) co profesor Vicent Alberola. Realizou diversos concertos como solista coa Banda de Música de Ourense e coa Municipal da Coruña e, baixo a dirección de Vicent Alberola, coa Orquesta Katarina Gurska de Madrid. Foi premiado en 2014 pola Fundación Paideia para a gravación e promoción dun compacto nos estudios Mans da Coruña. Perfeccionou a súa técnica como clarinetista con profesionais como José Luis Estellés, Venancio Rius, Pascual Martínez, Iván Marín, Beatriz López, Carlos Casadó, Juan Ferrer, Helmut Hödel, Roeland Hendrix e Vicent Alberola, entre outros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.02.2016.