Presentación do Mes Emprégate de fomento da empregabilidade e o emprendemento
Tras o éxito acadado o pasado ano, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais volve organizar o Mes Emprégate de fomento da empregabilidade e o emprendemento. O Talent`s Loop, conferencias, obradoiros de comunicación, videofórums e visitas a viveiros de empresas e centros de coworking serán algunhas das accións gratuítas dirixidas a todo o estudantado da USC.
Para explicar os detalles das numerosas actividades que terán lugar durante todo marzo nese centro, a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Dolores Álvarez; a vicedecana de Innovación e Relacións coas Empresas da facultade, Loreto Fernández; e a xefa do Servizo de Programas e Mobilidade xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Carmen Pereiras Pérez, ofrecerán este mércores 17 unha rolda de prensa ás 11.00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca.