Pasar al contenido principal

Docentes de 20 centros de ensino medio de Galicia traballarán nas aulas con unidades educativas desenvolvidas na USC

Docentes de ensino medio e universitario, nas xornadas 'Xuvenciencia para profesorado' desenvolvidas no campus de Lugo
Docentes de ensino medio e universitario, nas xornadas 'Xuvenciencia para profesorado' desenvolvidas no campus de Lugo
Os centros educativos representados na xornada ‘Xuvenciencia para profesorado’ celebradas no campus de Lugo recibiron de balde cadanseu kit educativo

Docentes pertencentes a vinte centros de ensino medio das catro provincias galegas traballarán nas aulas con unidades educativas ligadas aos ámbitos científico e tecnolóxico desenvolvidas polo grupo de investigación da USC Xuvenciencia e deseñados por profesorado do campus de Lugo para favorecer a aprendizaxe a través da experimentación nas aulas con contidos adaptados a niveis formativos de ensino preuniversitario.

As tres unidades ou kits educativos elaborados ata a data na USC no marco do proxecto ‘ Xuvenciencia na aula’, ‘Animal CSI’, ‘Vitroplant’ e ‘Photonic Explorer’, teñen unha marcada orientación científica e tecnolóxica, polo que o se antollan como ferramentas educativas e didácticas acaídas para profesorado de ensino medio das áreas de Física, Química, Bioloxía, Tecnoloxía... Os centros educativos presentes nesta edición de ‘Xuvenciencia para profesorado’ recibiron de xeito gratuíto cadanseu kit educativo a demanda do profesorado asistente. O kit 'Animal CSI' inclúe diversas actividades para desenvolver na aula no ámbito da patoloxía veterinaria, como necropsias ou preparación de mostras para a súa avaliación no microscopio. 'Vitroplant' é outra das unidades deseñadas polo profesorado do campus de Lugo da USC na que se inclúen actividades para o cultivo in vitro de árbores, mentres que ‘Photonics Explorer’ e e inclúe material para facer oito experimentos sobre a luz e a tecnoloxía da luz. Os docentes dos centros educativos de ensino medio de Galicia que traballarán nas súas respectivas aulas con estas unidades educativas desenvolvidas por profesorado do campus de Lugo recibiron formación específica para o aproveitamento deste material didáctico no marco da xornada ‘ Xuvenciencia para profesorado’, un foro de comunicación e información entre profesorado de ensino secundario e universitario avalado pola Fecyt e orientado a fomentar vocacións científico-técnicas e científico-sociais do alumnado preuniversitario. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo da USC, Carme Silva Domínguez; a coordinadora do grupo da USC Xuvenciencia, Mercedes Novo, e o coordinador do programa ‘A Ponte’, no campus de Lugo, Francisco Javier López, foron os responsables da apertura deste foro, no que participaron máis de 30 docentes de ensino medio. No marco deste e a través do que a USC busca achegar ás aulas o traballo cotiá de docencia e investigación que se desenvolve nas aulas e laboratorios universitarios do campus de Lugo. De xeito parello ao desenvolvemento destas sesións prácticas encamiñadas a ofrecer formación para un aproveitamento óptimo dos kits educativos de carácter científico e tecnolóxico desenvolvidos na USC, o programa ‘Xuvenciencia para profesorado’ incluíu tamén sesións específicas para profesorado de áreas de coñecemento ligadas ás ciencias sociais. Nestas sesións específicas, profesores e investigadores da USC pertencentes ás áreas de Administración de empresas, Debuxo, Economía, Filosofía, Lingua e literatura galega, Lingua castelá e literatura, Xeografía e Historia, presentaron as liñas de investigación nas que están a traballar, ao tempo que sentaron as bases cara o posible desenvolvemento de accións conxuntas entre a USC e os centros de ensino medio, así como para o desenvolvemento futuro de unidades educativas ligadas a estas áreas do saber. De esquerda a dereita, Novo, Silva e López, na apertura das xornadas Kits educativos deseñados no marco do proxecto 'Xuvenciencia na aula'

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.02.2016.