Pasar al contenido principal

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea o que fora catedrático da USC Ignacio Ribas Marqués

Imaxe de arquivo. Foto cedida pola familia de Ignacio Ribas.
Imaxe de arquivo. Foto cedida pola familia de Ignacio Ribas.
Este recoñecemento ao que está considerado gran valedor dos produtos naturais autóctonos é unha iniciativa da Real Academia Galega de Ciencias

O que fora catedrático de Química Orgánica e Bioquímica da USC Ignacio Ribas Marqués será o homenaxeado este ano no Día da Ciencia en Galicia, unha celebración que promove a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas. A homenaxe, que coincide co vixésimo aniversario do falecemento de Ribas Marqués foi aprobada por unanimidade dada a consideración de “Ignacio Ribas como artífice do despegue da química orgánica en Galicia grazas aos seus traballos sobre a obtención de produtos naturais a partir de especies vexetais autóctonas”, actividade continuada posteriormente pola numerosa escola de discípulos.

Ribas foi moi reivindicativo dende o comezo da súa carreira co financiamento da ciencia e coa conexión da investigación co progreso de calquera sociedade. Como lembra a Real Academia Galega de Ciencias, durante a inauguración do curso 1930-1931 na Universidade de Salamanca pronunciou un discurso no que asociaba investigación e desenvolvemento económico, “os países que non teñen ciencia son pobres, viven unha vida normal e material mediocre. No moral son escravos dos prexuízos que xera a ignorancia. No material, viven sometidos aos poderosos”, afirmou. Esta visión precursora levouno a apoiar a entrada no sector empresarial de moitos dos 68 doutores aos que dirixiu a tese e así poder aplicar na industria o saber adquirido e desta forma facer transferencia de coñecemento.

Ignacio Ribas Marqués naceu en Palma de Mallorca en 1901 e viviu en Santiago de Compostela dende 1942 ata o seu falecemento en 1996. Obtivo a licenciatura na Universidade de Valencia e iniciouse na investigación en Madrid como discípulo de Antonio Madinaveitia, o seu director de tese. Completou a súa formación no Instituto Pasteur de París durante dous anos, para en 1928 gaña as oposicións á cátedra de Química Orgánica da Universidade de Salamanca.

En 1942 accede á cátedra de Química Orgánica e Bioquímica da USC, na que permanecerá ata a súa xubilación en 1971. Durante esta etapa centrou o seu esforzo investigador na obtención de produtos naturais procedentes de plantas autóctonas e da cortiza, co obxectivo de identificar novas substancias e poñelas en valor. Este labor foi o que lle valeu o maior recoñecemento a nivel internacional e o que creou unha escola con numerosos discípulos en Santiago.

O estudo dos compoñentes da cortiza permitiulle obter dela substancias con aplicacións na industria da perfumaría. Tamén investigou a hormona xuvenil dos insectos, co obxectivo de desenvolver un insecticida ecolóxico e o cornecho do centeo, este último en colaboración co Instituto Miguel Servet co fin de obter alcaloides con aplicacións médicas como facilitadores da expulsión da placenta e para evitar o sangrado despois do parto. Non obstante, o obxecto principal das súas investigacións foron os alcaloides das leguminosas. A xesta, a carqueixa ou o codeso permitíronlle obter substancias aínda non coñecidas que el bautizou con nomes alusivos á xeografía galega como orensina, pontevedrina, coruñina ou santiaguina, en homenaxe á súa terra adoptiva.

Ata mediados da ditadura non se recoñeceu oficialmente o seu traballo. Neste senso, un dos pasos fundamentais foi a concesión de apoio para a fundación e dirección do laboratorio de Química Orgánica do Consello Superior de Investigacións Científicas en Santiago, xerme do actual Instituto de Investigación Agrobiolóxicas.

Autor de máis dun cento de publicación científicas, cofundador e primeiro presidente do grupo especializado de Química Orgánica da Real Sociedad Española de Física e Química, como explica a RAGC Ignacio Ribas Marqués deixou unha destacada pegada en Galicia “que estaba pendente de dar a coñecer á sociedade”. Entre os recoñecementos ao seu labor, atópanse a Medalla de Ouro da Universidade de Salamanca, o Premio de Ciencias do CSIC, a Gran Cruz da Orde Civil de Alfonso X El Sabio e o nomeamento como doutor honoris causa pola Universitat de les Illes Balears. En Galicia, tomando o relevo do Premio Galicia de Investigación de 1987 e da Medalla Castelao da Xunta de Galicia outorgada en 1991, a RAGC reivindica agora a súa figura dedicándolle o Día da Ciencia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.02.2016.