Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría achega as titulacións STEM ás estudantes de ensino medio a través da campaña ‘Protagonistas, as enxeñeiras”

Público asistente ás xornadas 'Mulleres, ciencia e tecnoloxía', na EPS de Enxeñaría de Lugo
Público asistente ás xornadas 'Mulleres, ciencia e tecnoloxía', na EPS de Enxeñaría de Lugo
Montserrat Valcárcel ve preciso “rachar tópicos” e aumentar a presenza feminina en títulos científicos e técnicos para garantir a igualdade da muller na era tecnolóxica

A Escola Politécnica de Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC pon en marcha a iniciativa ‘Protogonistas, as enxeñeiras’ para achegar as titulacións de carácter científico e tecnolóxico (STEM, nas súas siglas en inglés) ás rapazas que están a cursar estudos de ensino medio e Bacharelato nos distintos centros educativos de Lugo.

A incorporación de máis mozas aos estudos de enxeñaría, tanto no que se refire a enxeñarías agrícolas e agroalimentarias, forestais e do medio natural, enxeñaría civil, enxeñaría de Montes, así como de calquera outra disciplina universitaria de carácter científico e tecnolóxico, antóllase como unha necesidade para garantir que a muller goce dunha presenza e de protagonismo en situación de igualdade respecto dos homes na sociedade tecnolóxica que está por vir. A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, realizou estas declaración trala presentación da campaña ‘Protagonistas, as enxeñeiras’, impulsada pola Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo en colaboración co Concello.

Na súa condición de enxeñeira, Montserrat Valcárcel chamou tamén á necesidade de “rachar cos tópicos” de que este tipo de formación práctica e tecnolóxica non é acaída para as mozas. A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo sinalou neste senso que as estatísticas de matrícula afondan nesta idea, xa que “só un de cada catro estudantes matriculados en graos de enxeñaría son mulleres”, unha realidade pouco proporcionada que tamén no caso do profesado que imparte docencia en materias e títulos de enxeñaría e cuxa representación se sitúa ao redor do 8%, dixo. A presenza das mulleres nos títulos denominados STEM é un pouco superior, aínda que apenas supera o 31%, sinalou.

A presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, a enxeñeira e profesora Dolores Fernández, explicou que as propostas programadas ao abeiro da campaña ‘Protagonistas, as enxeñeiras’ están estruturadas en obradoiros ou sesións monográficas que se desenvolverán nos centros de ensino secundario da cidade de Lugo.

As temáticas destas accións son diversas e abranguen cuestións ligadas coas titulacións actualmente ofertadas pola USC na EPS de Enxeñaría de Lugo. Así, os talleres programados levan por título ‘Enxeñarías contra as pragas agrícolas’, que será impartido por Cristina Cabaleiro; ‘Os enxeñeiros e as enxeñeiras de montes defendemos o bosque fronte ao lume’, guiado por Ana Daría Ruiz; ‘Drons e láser en enxeñaría 3D’, impartido por María Teresa Martín Sánchez e Patricia Tato Sánchez del Valle; ‘Por que caen os edificios?’, guiado por María José López Villar e María Teresa Teijeiro Rodríguez, e ‘Pioneiras na ciencia’, a cargo de Isabel Fernández García.

A temática destas actividades axústase á oferta de estudos de grao e posgrado da EPS de Enxería de Lugo, “un centro que remonta as súas orixes a hai medio século, pero que foi pensado inicialmente para homes, como o proba o feito de que había moitos máis baños masculinos que femininos”, dixo o seu director, Tomás Cuesta Fernández. Esta realidade xa mudou ao longo do tempo, a pesar de que o estudantado feminino matriculado o curso pasado no centro lugués representou o 35%, segundo indicou Dolores Fernández, que cifrou arredor do 32% o profesorado feminino do centro. A conxuntura rexistrada pola EPSE respecto da muller non é especialmente singular, xa que a porcentaxe de mulleres estudando titulacións técnicas é de media o 25%, lembrou esta docente, para logo precisar que o alumnado feminino en enxeñarías caeu un 12% na última década.

Xornadas ‘Mulleres, ciencia e tecnoloxía’

A presentación desta nova iniciativa a prol da incorporación das mulleres aos estudos universitarios de enxeñaría na apertura das xornadas ‘Mulleres, ciencia e tecnoloxía’, un foro organizado polo centro lugués en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e a través do que se busca facer visible o cometido desenvolvido por mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxico.

A xornada, estruturada nunha mesa de debate baixo o lema ‘Visibilizando referentes, promovendo vocacións femininas’ e moderada pola profesora na EPSE, Ana Isabel García Arias, contou como relatoras con catro mulleres científicas con protagonismo de seu, tal e como o son a profesora e investigadora do Departamento de Química Inorgánica da USC Isabel Fernández García; María José Rodríguez Malmierca, do Centro de Supercomputación de Galicia; Encina Calvo Iglesias, do Departamento de Física Aplicada da USC e a presidenta da Asociación de Mulleres Investigadores e Tecnólogas de Galicia (Amit Gal), Ana Jesús López Díaz.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, e a deputada provincial delegada da área de Benestar Social e Promoción Económica da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, tamén participaron na presentación destas xornadas sobre muller, ciencia e tecnoloxía, un foro no que formalizaron a súa inscrición máis de 60 persoas, entre as que tamén cómpre citar á coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo.

De esquerda a dereita, Fernández, López, Valcárcel, González e Cuesta, na apertura das xornadas A profesora García Arias, coas relatoras que interviñeron no foro sobre muller, ciencia e tecnoloxía

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.02.2019.