Pasar al contenido principal

Mes Emprégate de fomento da empregabilidade e o emprendemento para o estudantado da USC

De esquerda a dereita, Emilia Vázquez, Dolores Álvarez, Carmen Pereiras Pérez e Loreto Fernández
De esquerda a dereita, Emilia Vázquez, Dolores Álvarez, Carmen Pereiras Pérez e Loreto Fernández
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais organiza numerosas actividades durante o mes de marzo

Saber enfrontarse ás esixencias dun mercado laboral cada vez máis competitivo é hoxe fundamental para os universitarios que rematan estudos e non dispoñen dos recursos e habilidades necesarios para a busca activa de traballo ou mesmo para o autoemprego. Por iso, por segundo ano consecutivo a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais organiza en marzo o Mes Emprégate de fomento da empregabilidade e o emprendemento dirixido a todo o alumnado da USC, que de maneira gratuíta debe inscribirse previamente.

A Facultade acollerá distintas actividades que perseguen un dobre obxectivo: por unha banda, a mellora das competencias para a empregabilidade e, por outra, o desenvolvemento das competencias para o emprendemento. Trátase de traballar aquelas competencias transversais ou habilidades brandas que cada vez máis demandan os empregadores nos titulados universitarios.

Os detalles do programa explicáronos este mércores en rolda de prensa a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Dolores Álvarez; a decana da Facultade organizadora, Emilia Vázquez; a vicedecana de Innovación e Relacións coas Empresas da facultade e directora da Cátedra Bancaja para Novos Emprendedores, Loreto Fernández; e a xefa do Servizo de Programas e Mobilidade xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Carmen Pereiras Pérez.

Talent’s Lopp
Entre as iniciativas que máis interese espertou o pasado ano atópase o Talent’s Loop, un programa dirixido a alumnado de últimos cursos ou de máster que comezará o 1 de marzo coa finalidade de mellorar as habilidades do estudante para incorporarse ao mercado laboral de forma exitosa.

Estruturado en varios días, nesta ocasión inclúese formación específica impartida por profesionais de recoñecido prestixio, un laboratorio de adestramento persoal para a busca de emprego e fomento das habilidades emprendedoras e un obradoiro de e mprendemento no que se traballarán metodoloxías para a creatividade e xeración de ideas innovadoras e a posta en marcha de proxectos empresariais.

Obradoiros prácticos
O programa contempla tamén a mediados de mes unhas xornadas sobre habilidades de comunicación con carácter eminentemente práctico e outra de competencias profesionais dos titulados en ADE e Economía nas que se coñecerán os diferentes campos de exercicio da profesión a través de profesionais especializados. Inclúense ademais visitas ao Centro de crowdworking Galicia Open Future na Cidade da Cultura para coñecer polo miúdo ese proxecto así como ao viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago.

Outra das actividades previstas é un ciclo de mesas redondas no que se debaterá sobre especialización de posgrao da USC e as saídas profesionais dos titulados universitarios desde o punto de vista do sector empresarial así como desde a experiencia dos solicitantes de emprego. No apartado formativo puramente teórico inclúese así mesmo unha presentación dos programas de prácticas en empresas e de programas de mobilidade, esta segunda impulsada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia.

Por último, ‘Kinky boots. Pisando forte’, ‘Startup.com’ e ‘Jobs’ serán os filmes que se proxecten e comenten no ciclo CinEmpresa ‘Emprendedores de cine’. Trátase de tres cintas relacionadas co mundo do emprendedor, tanto de personaxes que crearon empresas no sector tecnolóxico como intraemprendedores, isto é, aqueles que iniciaron o cambio desde dentro dunha empresa para conseguir reinventarse desde un cambio de estratexia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.02.2016.