Pasar al contenido principal

Ciencias convoca o concurso de vídeos ‘O meu elemento’ co gallo da celebración en 2019 do Ano Internacional da Táboa Periódica

De esquerda a dereita, Marcelino Maneiro, Francisco Fraga e Xusto Rodríguez, na presentación do concurso 'O meu elemento'
De esquerda a dereita, Marcelino Maneiro, Francisco Fraga e Xusto Rodríguez, na presentación do concurso 'O meu elemento'
O certame, promovido xunto con CienciaNosa e o SNL da USC e dirixido a estudantes universitarios e de ensino medio, repartirá 1.350 euros. O prazo remata o 24 de abril

A Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC, a través da súa comisión de normalización lingüística, o grupo de innovación docente CienciaNosa e o Sistema de Normalización Lingüística da USC, convocan o concurso de vídeos ‘ O meu elemento’ para sumarse á celebración de 2019 como Ano Internacional do Sistema Periódico, unha efeméride declarada polas Nacións Unidas co gallo do 150 aniversario da publicación por parte de Dimitri Mendeleev da súa táboa periódica dos elementos químicos.

O decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, e o coordinador do grupo CienciaNosa, Marcelino Maneiro, e o técnico do Servizo de Normalización Lingüístic da USC no campus de Lugo, Xusto Rodríguez, presentaron este mércores a convocatoria deste certame audiovisual dirixido a estudantes galegos de ensino secundario e Bacharelato, ademais de universitarios, e que repartirá un total de 1.350 euros en premios entre as diferentes propostas galardoadas. O obxectivo desta iniciativa é o de atraer o interese do alumnado sobre este acontecemento e a actividade científica en xeral, así como poñer de manifesto a naturalidade da expresión dos contidos científicos en lingua galega, segundo sinalaron na presentación do concurso.

O concurso de vídeos ‘O meu elemento’, cuxas bases están accesibles en liña, está estruturado en dúas categorías, unha orientada a grupos dun máximo de tres estudantes de ensino secundario e Bacharelato coa coordinación dun docente, e outra dirixida a membros do sistema universitario galego, ben a título individual ou en equipos de tres integrantes. Cada participante ou equipo preparará un vídeo inédito e orixinal sobre un elemento químico. A lingua empregada será o galego e a duración dos vídeos non será en ningún caso inferior a 30 segundos nin superior a 90.

As propostas presentadas a concurso deberán subirse a unha canle de YouTube e os xurado encargado da súa valoración terá en conta a calidade técnica (imaxe e son), a corrección lingüística, a orixinalidade do vídeo e a corrección nos conceptos científicos. Os proxectos realizados poderán presentarse ata o 24 de abril de 2019, inclusive, a travése do enderezo electrónico fcdeca [at] usc.es (fcdeca[at]usc[dot]es) ou na sede da Facultade de Ciencias do campus de Lugo. A entrega dos premios desenvolverase nun acto público que se celebrará o 15 de maio.

O certame audiovisual ‘O meu elemento’ repartirá premios entre as propostas gañadoras por un importe global de 1.350 euros. As bases do certame fixan que o gañador da categoría aberta a estudantes preuniversitarios percibirá 300 euros en metálico, mentres que o segundo e terceiro clasificado recibirán cadansúa gratificación de 150 e 100 euros, respectivamente. O premio para a candidatura gañadora na categoría universitaria ascende a 500 euros. As candidaturas valoradas en segundo e terceiro lugar serán agasalladas con contías de 200 e 100 euros, respectivamente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.02.2019.