Pasar al contenido principal

O reitor reúnese con representantes de universidades de Uzbekistán e Kazakhstan

O reitor recibiu en San Xerome a delegación asiática. Foto: Santi Alvite
O reitor recibiu en San Xerome a delegación asiática. Foto: Santi Alvite

O reitor Juan Viaño recibiu unha delegación de representantes de universidades de Uzbekistán e Kazakhstan que esta semana participan na xuntanza de lanzamento do proxecto europeo ECCUM (Establishment of Computing Centers and Curriculum Development in Mathematical Engineering Master program), que coordina a USC. No despacho reitoral de San Xerome, o reitor reuniuse con seu homólogo da International Information Technologies University, Damir Shynybekov; co vicerreitor de Investigación da Urgench State University, Ikram Abdullaev; e co vicerreitor de Asuntos Académicos da Bukhara Institute of Engineering and Technology, Olimov Kahramon.

A xuntanza serviu para repasar as colaboracións que estas universidades manteñen activas coa institución académica compostelá. Como se detallou no encontro, a USC mantén dende hai anos intercambio de estudantes coas universidades asiáticas, ademais de cooperar en proxectos conxuntos como o iniciado estes días para a implantación dun máster de enxeñaría matemática en Asia Central que tomará como referencia a experiencia da USC neste ámbito ou, anteriormente, outro para a formación en enxeñaría agroforestal.

ECCUM
A USC coordina o proxecto europeo ECCUM (Establishment of Computing Centers and Curriculum Development in Mathematical Engineering Master program) no que participan universidades de Uzbekistán, Kazakhstan, Eslovenia e Italia, co apoio do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). A finalidade do proxecto será o desenvolvemento dun máster de alcance interuniversitario na zona de Asia central inspirado na experiencia docente da USC no ámbito da enxeñaría matemática e a matemática industrial así como o despregamento dunha rede de centros de cálculo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.02.2016.