Pasar al contenido principal

O disco ‘España alla Rossini’ preséntase o luns no Paraninfo

O disco ‘España alla Rossini’ preséntase o luns no Paraninfo
O disco ‘España alla Rossini’ preséntase o luns no Paraninfo

A mezzosoprano Anna Tonna e o pianista Emilio González Sanz presentarán o luns 25 o seu disco ‘ España alla Rossini’ nunha conferencia-recital que organizan o Ateneo de Santiago e a Asociación de Amigos da Ópera de Compostela en colaboración coa USC. A presentación será ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia).

Anna Tonna
Licenciada por Mannes College of Music de Nova Iork, a mezzosoprano estadounidense de raíces dominicanas Anna Tonna compaxina a súa brillante carreira como cantante de ópera coa súa dedicación á música de España e Latinoamérica. Tonna debutou no Alice Tully Hall de Nova Iork coa ópera Guglielmo Ratcliff de Mascagni coa compañía Teatro Grattacielo en 2004. Entre os seus últimos proxectos e recitais nos Estados Unidos destaca a premiere norteamericana de Il Re de Giordano no Lincoln Center, un recital monográfico de cancións de compositores latinoamericanos con NorthSouth Consonance, así como un recital de música española na Hispanic Society of America de Nova Iork.

Como bolseira Fulbright 2007-2008 en España, Anna Tonna realizou un estudo da obra completa para voz e piano do compositor español Julio Gómez na Fundación Juan March de Madrid e unha gravación posterior do disco ‘Las canciones de Julio Gómez’ co pianista Jorge Robaina.

Emilio González
Creador, músico, pedagogo, intérprete de gran versatilidade e un dos pianistas máis brillantes da súa xeración, Emilio González Sanz recupera obras pianísticas de compositores españois como Antonio José, Arriaga ou Masarnau. Tras unha constante investigación musical e para achegar visións novas ao mundo da interpretación, presenta en recital programas orixinais e de calidade, tanto pola súa beleza como polo seu interese. Traballou na Escola Superior de Música Reina Sofía con Dmitri Bashkirov, Galina Egyazarova e Marta Gulyas e completou a súa formación con Josep Colom na Aula de Música da Universidade de Alcalá de Henares. Obtivo o Premio de Honra de Fin de Carreira nas especialidades de Piano -cátedra de Fernando Puchol- e Música de Cámara no RCSM de Madrid e no Conservatorio Superior de Málaga, respectivamente.

Actualmente compaxina a súa carreira concertista coa pedagóxica como profesor de Música de Cámara do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Intervén como solista con grandes orquestras sinfónicas españolas, dá recitais de piano só e música de cámara en salas europeas de gran prestixio e realizou estreas absolutas de obras de Motsalvatge, Palacios e Yagüe. O seu interese pola música de cámara lévao a colaborar coa pianista Sofya Melikyan, a clarinetista Mónica Campillo, o barítono José Julián Frontal, a mezzo Anna Tonna e os tenores Miguel Bernal e Angelo Marchese, así como cos Cuartetos Mainake ou Ysaÿe e personalidades artísticas como Asier Polo, Silvia Marcovici, Nicole Espósito, Claude Lefevbre ou Stefan Höskuldsson.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.01.2016.