Conferencia de Antonio Sandoval sobre a literatura de natureza na Semana da Educación
O escritor, comunicador ambiental e ornitólogo Antonio Sandoval Rey impartirá este xoves 28 a conferencia titulada ‘Ideas en torno á Literatura de Natureza’, actividade que forma parte do programa da Semana da Educación 2016. No Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte (avenida Xoán XXIII s/n), a intervención de Sandoval Rey comezará ás 12.00 horas co obxecto de repasar algúns exemplos de obras dun xénero literario, o da Literatura da Natureza, con escasa representación nas linguas ibéricas pero unha ampla tradición noutros países.
Antonio Sandoval Rey presentará algunhas das súas experiencias e ideas como autor deste tipo de literatura, manifestación de como se pode abordar a defensa e a pedagoxía da biodiversidade dende as artes. Esta actividade está organizada pola profesora Isabel García Rodeja, do Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais.