Ciencias emprega con éxito nanotubos de carbono para determinar a presenza de metais en ouriños de persoas sas
O emprego dos nanotubos de carbono como material adsorbente para a determinación de metais centra a temática da tese de doutoramento que vén de presentar a enxeñeira agrónoma Jennifer Álvarez Méndez na Facultade de Ciencias do campus de Lugo. Esta investigación de doutoramento, que posibilitou a publicación de cinco artigos en revistas internacionais de elevado prestixio dentro da área de Química Analítica, está dirixida polas polas profesoras do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC, Julia Barciela García, Sagrario García Martín e Rosa María Peña Crecente, e ofrece unha visión xeral das tendencias no uso dos nanotubos de carbono como material adsorbente para a determinación de especies metálicas en mostras ambientais, biolóxicas e alimentarias.
A luguesa Álvarez Méndez desenvolve na súa tese unha serie de métodos analíticos, empregando nanotubos de carbono de parede múltiple (MWCNTs) e procedementos de extracción en fase sólida (SPE) e extracción en fase sólida dispersiva (DSPE), para a determinación de metais traza nocivos para a saúde en mostras biolóxicas por espectrometría de absorción atómica con atomización electrotérmica (ETAAS). Estes métodos aplicáronse con éxito á determinación de cadmio e chumbo en mostras de ouriños de persoas sas. Os nanotubos de carbono (CNTs) xogan un papel importante en nanotecnoloxía debido á influencia en distintas áreas como a enxeñaría, a química, a bioloxía, a medicina, a electrónica ou a ciencia dos materiais. A nanotecnoloxía encárgase do estudo de materiais de moi pequenas dimensións que van desde algúns centos a uns cuantos nanómetros. Para comprender o seu potencial é clave saber que as propiedades físicas e químicas da materia cambian a escala nanométrica. A condutividade eléctrica, a calor, a resistencia, a elasticidade ou a reactividade (entre outras propiedades) compórtanse de maneira diferente nos mesmos elementos a maior escala. Preparados por primeira vez por Sumio Iijima en 1991, os nanotubos de carbono non son máis que pequenos tubos de carbono duns cuantos nanómetros (10-9 metros) de ancho formados a partir de láminas de grafeno enroladas sobre si mesmas en forma de longos cilindros. Desde o momento do seu descubrimento fíxose patente o seu evidente potencial para múltiples aplicacións industriais. Son sistemas lixeiros, ocos e porosos que teñen alta resistencia mecánica, e por tanto interesantes para o reforzamento estrutural de materiais e a formación de materiais de baixo peso, alta resistencia á tracción e enorme elasticidade. Os nanotubos de carbono son as fibras máis fortes que se coñecen, un só nanotubo perfecto é de 10 a 100 veces máis forte que o aceiro, e posúen propiedades eléctricas moi interesantes, conducindo algúns deles a corrente eléctrica centos de veces máis eficazmente que os tradicionais cables de cobre. Na actualidade, a investigación sobre o emprego de novos materiais en Química Analítica e, en concreto, sobre os nanotubos de carbono é unha área de gran actividade. Así os CNTs empregáronse con distintas finalidades tales como a fabricación de membranas, a construción e mellora de detectores electroquímicos, o desenvolvemento de técnicas de separación en base ás súas propiedades adsorbentes, etc. Debido a algunhas das súas características estas estruturas son un material apropiado para empregar como adsorbente de metais pesados proporcionando un mellor rendemento na separación e preconcentración. Ademais, a superficie dos nanotubos de carbono pode ser facilmente modificada e pódense introducir diversos grupos funcionais, biomoléculas, polímeros, etc. co fin de mellorar a súa selectividade resultando tras a funcionalización adsorbentes con propiedades diferentes. Tribunal da tese e cualificación A catedrática do Departamento de Química Analítica da Universidade do País Vasco Francisca Vicente Estévez presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento ‘Nanotubos de carbono. Emprego como material adsorbente para a determinación de metais’, presentada por Jennifer Álvarez Méndez e que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude. O catedrático do Departamento de Química Analítica da Universidade da Coruña Darío Prada Rodríguez; a profesora do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da USC Marta Miranda; o director xerente de AMSlab, Manuel Lolo Aira, e a profesora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC Elisa Rubí Cano, quen actuou como secretaria, completan a composición do tribunal. Jennifer Álvarez coas directoras e membros do tribunal da tese