Inaugúrase na Igrexa a mostra ‘Tomiño Romano: o xacemento de Currás’
En 1972 descubriuse na parroquia de Currás (Tomiño) un xacemento romano e altomedieval que foi obxecto de estudo do equipo Arqueolóxico do Baixo Miño da Universidade de Vigo. Os resultados da primeira fase dos traballos arqueolóxicos realizados en 2013 expóñense nunha mostra que este xoves 4 chega á Igrexa universitaria da USC.
A inauguración da exposición terá lugar ás 13.00 horas nun acto no que participarán a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; a concelleira de Cultura e Asuntos Sociais de Tomiño, Cristina Martínez; os comisarios da mostra, Fermín Pérez e Silvia González; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Juan Monterroso; e a decana da de Historia da UVigo, Susana Reboreda.
‘Tomiño Romano: o xacemento de Currás’ poderá visitarse ata o 11 de marzo de xoves a venres de 10.30 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas. Hai ademais a posibilidade de abrir a mostra para grupos con visitas previamente concertadas.