Pasar al contenido principal

Deixar de fumar mellora o estado de ánimo e diminúe a sintomatoloxía depresiva

O catedrático Elisardo Becoña dirixe a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC
O catedrático Elisardo Becoña dirixe a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC
A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Facultade de Psicoloxía publica o estudo en Journal of Affective Disorders

As persoas que deixan de fumar por medio dun tratamento psicolóxico cognitivo condutual presentan unha diminución da sintomatoloxía depresiva, que se mantén conforme pasa o tempo de abstinencia. Así o constata o equipo da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Facultade de Psicoloxía da USC que dirixe o profesor Elisardo Becoña nun estudo publicado este mes na prestixiosa revista Journal of Affective Disorders.

O equipo da USC comprobou nunha mostra de 242 fumadores –cunha media de idade de 41,71 anos e de 20.57 cigarrillos por día– que os que deixan o tabaco conseguen, co tratamento psicolóxico que lles aplican, un descenso da súa sintomatoloxía depresiva, “o que demostra a eficacia do tratamento tanto para deixar de fumar como para mellorar o seu estado de ánimo”.

Becoña sinala como o resultado máis importante e novidoso do estudo que aquelas persoas que seguen abstinentes co paso do tempo, ata un ano despois, logran que dita sintomatoloxía depresiva siga descendendo. “Á metade desde antes do tratamento a un ano despois”, matiza.

As estratexias de xestión de estado de ánimo que se utilizan poden, xa que logo, ser decisivas non só para aumentar a probabilidade de deixar de fumar senón tamén para mellorar o estado de ánimo; “de aí a importancia de incluílas nos tratamentos independentemente de se a depresión está ou non presente”, advirte o catedrático da USC. “Podemos concluír que deixar de fumar é recomendable mesmo naquelas persoas que se pensaba que terían dificultades debido a que presentan problemas depresivos”, di.

Cinco programas para deixar de fumar
A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC ofrece varios tipos de tratamento para persoas que demandan axuda deste servizo da Facultade de Psicoloxía, realizados individualmente e en grupo. Na actualidade, existe a posibilidade de participar nun programa xenérico aberto a calquera persoa; e outros tres específicos, para mulleres ás que lles preocupa aumentar peso ou experimentar problemas co estado de ánimo, para persoas con graves problemas de saúde causados polo consumo de tabaco e que precisan unha intervención intensiva e para quen decida seguir este programa dende a súa casa, por correo.

As persoas interesadas nestes tratamentos da Unidade de Tabaquismo da USC poden contactar nos teléfonos 881 813939 ou 881 813861, así como por correo electrónico (elisardo.becona [at] usc.es (elisardo[dot]becona[at]usc[dot]es); ana.lopez [at] usc.es (ana[dot]lopez[at]usc[dot]es)).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2023.