Centos de estudantes de secundaria asisten en Medicina a unha xornada divulgativa sobre células nai
A Facultade de Medicina acolle este venres 11 unha nova xornada UniStem Day 2016, iniciativa que se desenvolve simultaneamente en 73 universidades e centros de investigación de oito países europeos co propósito de achegar a xente nova á investigación con células nai. Agárdase que máis de 27.000 estudantes de España, Reino Unido, Alemaña, Dinamarca, Polonia, Serbia, Suecia e Italia interveñan á vez nunha xornada na que, ademais da USC, participan outras nove universidades españolas.
O encontro na USC terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Medicina coordinado por cuarto ano consecutivo polo Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Párkinson. Está prevista a asistencia de máis de 250 alumnos e profesores dos centros Rosalía de Castro, Antón Fraguas, Peleteiro e Compañía de María.
UniStem Day 2016 inaugurarase ás 9.00 horas nun acto no que participan a vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, Isabel Rodríguez-Moldes; o decano de Medicina e Odontoloxía, Jesús Gestal Otero; e o director do Departamento de Ciencias Morfolóxicas e do Grupo de Neurobioloxía da Enfermidade de Párkinson da USC, nodo da Rede de Terapia Celular de Galicia, José Luis Labandeira García.
A continuación, e logo de saudar ás distintas delegacións universitarias de España, desenvolveranse catro sesións impartidas por docentes e investigadores da USC. Así, sobre o ‘abc’ das células nai falarán Ana Isabel Rodríguez e Carmen Díaz, mentres que Rita Valenzuela, Pablo Garrido e Begoña Villar explicarán cómo experimentar con elas. ‘Tres, dous, un... ¡Acción! Células nai en marcha’ é o título da charla de Ana Muñoz, Jannette Rodríguez e Juan Parga e, por último, María García, Alicia Costa e Antonio Domínguez contarán verdades e mentiras sobre elas.
A xornada rematará cun xogo de reconstrución dun órgano con células nai e a proxección do documental ‘Terapia celular: a medicina do futuro’. Preténdese deste xeito que a través de conferencias, debates, películas e eventos recreativos a xuventude descubra a investigación tendo en conta non só o contido e métodos científicos senón tamén as posibilidades creativas e divertidas que ofrece.
Na USC o UniStem conta co patrocinio de Galmedic Material, Glass Chemicals, Celta Ingenieros, Merck-Millipore, Fisher Scientific, Grupo 3, Editorial Elsevier, Red Bull e Gadis.