Pasar al contenido principal

Un diálogo científico explorará as particularidades do libro editado pola USC Antimateria, magia y poesía

No transcurso dun diálogo científico, o libro editado pola USC Antimateria, magia y poesía presentarase este venres 18 no espazo UNE da libraría Gallaecia Liber de Santiago (rúa Ramón Cabanillas, 8). A partir das 18.45 horas, o catedrático Ángel Carracedo manterá co co autor do volume, o profesor da Facultade de Física José Edelstein, un diálogo arredor de múltiples aspectos do libro, primeiro da ‘Biblioteca de Divulgación. Serie Científica’ e premio 2015 á mellora obra de divulgación científicos nos últimos premios nacionais de edición universitaria.

Introducido polo director do Servizo de Publicación da USC e vocal da Xunta Directiva da Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE), Juan L. Blanco Valdés, o diálogo científico pretende xuntar a achega de puntos de vista diferentes, o dun experto en Xenético da man do profesor Carracedo co dun investigador no ámbito da Física, caso do profesor Edelstein, para así enriquecer os contrastes, tratamentos e conclusións posibles.

Antimateria, magia y poesía é, en palabras do seu prologuista, o profesor da Universidade de Barcelona Jorge Wagensberg, “unha viaxe polos cumios e as profundidades da física actual”. Unha das dificultades asociadas ao percorrido literario proposto polos autores radica na propia natureza do obxecto de estudo xa que a física moderna “se interesa por unha realidade cada vez máis invisible: invisible por pequena (moléculas, átomos, partículas,...), invisible por rápida (velocidade da orde da da luz), invisible por profusa e complexa”.

Nas 258 primeiras páxinas dests volume agrúpanse 23 textos que orbitan arredor de ideas, conceptos ou mesmo da historia da Física, cuestións todas elas abordadas cun enfoque que muda a súa perspectiva en función de cada tema, sen desbotar o humor ou a lírica como eixos narrativos. O libro toma o seu título dun artigo co que os autores comezaron unha colaboración que os levou a acadar diversos premios de divulgación do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Campos (CPAN), da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) ou do concurso internacional ‘Ciencia en acción’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.03.2016.