Pasar al contenido principal

Estudantes de toda Galicia redescubrirán na USC o bosón de Higgs xunto a outros de 46 países

Este é o obxectivo dunha nova sesión das International Masterclasses que este venres se celebra na Facultade de Física

As International Masterclasses permitirá a máis de 60 estudantes de toda Galicia cambiar este venres 4 as súas aulas de secundaria polos laboratorios e instalacións da Facultade de Física da USC para traballar, na medida do posible, como verdadeiros científicos no ámbito da Física de Partículas e con datos derivados dos experimentos do acelerador de partículas do CERN.

A Facultade de Física súmase un ano máis a esta experiencia de divulgación que xa alcanza a súa décimo primeira convocatoria. A xornada comezará ás 10.00 horas na Aula Magna do centro compostelán. En Galicia organízaa o Departamento de Física de Partículas da USC e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías ofrecendo ao alumnado de ensino secundario a posibilidade de explorar investigación e física de vangarda traballando con datos recentes e auténticos dos experimentos do LHC.

Catro experimento do acelerador (Atlas, CMS, Alice e LHCb) prepararon unha versión educacional dos seus datos experimentais para ser usados nestas sesións. Grazas a este material, o alumnado examina os produtos de colisións entre partículas elementais que viaxan a través do acelerador de 27 quilómetros a velocidades próximas á da luz. Ademais de redescubrir o bosón de Higgs como xa fixeran os investigadores no verán de 2012, ou os bosóns Z e W, ao final do día, os participantes poderán experimentar o ambiente de colaboración internacional da Física de Partículas nunha videoconferencia que reúne a alumnos doutros 45 países con investigadores no CERN e no se porán en común os distintos resultados.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.03.2016.