A Facultade de Ade amplía o uso lúdico das ‘escape rooms’ dos hoteis a espazos aptos para dinámicas e procesos de empresas
As alumnas do grao en Xestión de Pemes da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo Lara Villar e Lara Prieto veñen de participar no Talent Match do Grupo Hotusa, no que presentaron un innovador proxecto consistente en introducir Escape Rooms nos hoteis deste grupo galego, destinadas non só aos usuarios e usuarias do turismo de escape, senón tamén ás distintas actividades grupais que demandan as empresas.
As chamadas Escape Rooms, introducidas en España no ano 2013 e cunha evolución á alza nos últimos anos, son salas normalmente ambientadas por temáticas e dotadas de sistema de cámaras e micrófonos, nas que os usuarios e usuarias deben cumprir unha misión, erixíndose, polo tanto, en xogadores que ven como as súas habilidades son postas a proba. O habitual é que o equipo deba resolver enigmas e encontrar pistas ocultas por toda a sala.
O trazo innovador do proxecto de Lara Villar e Lara Prieto, denominado ‘Hotusa Escape’, consiste en orientar este tipo de salas a dous públicos diferenciados: os usuarios e usuarias do turismo de escape, isto é, xente nova e dinámica, con poder adquisitivo medio-alto e na procura de novas experiencias; así como a empresas que podan precisar deste tipo de salas para procesos de selección de persoal ou actividades de teambuilding destinadas a fomentar a cohesión dos equipos de traballo. Saír dunha Escape Room require de habilidades como a creatividade, a iniciativa, a toma de decisións baixo presión, o enxeño, a comunicación ou o traballo en equipo, trazos especialmente valorados polas empresas na sociedade actual.
O ‘Hotusa Escape’ propón crear nos hoteis do Grupo Hotusa, Escape Rooms distribuídas entre salas de entretemento propiamente ditas e salas destinadas a empresas. Asemade, Lara Villar e Lara Prieto consideran que as Escape Rooms poden parcelarse en áreas temáticas (terror, misterio, aventura e enxeño), así como diferenciarse en virtude do seu grao de dificultade (principiante e avanzado), ou polo seu idioma (castelán e inglés). Ademais, o proxecto destas alumnas contempla tamén a estratexia comercial a seguir para dar a coñecer esta innovadora iniciativa.
O Talent Match do Grupo Hotusa é unha competición, laboratorio de ideas e espazo para a innovación destinado á xeración de ideas focalizadas na resolución dun reto real. Lara Villar e Lara Prieto desenvolveron este proxecto no marco da materia ‘Comunicación comercial’ do Grao en Xestión de Pemes e impartida polas profesoras Miriam Gómez Barreiro e Ada María Pérez Pico.
Nesta nova edición do ‘Hotusa Talent Match’ logrouse un notable incremento na participación con máis de 300 estudantes inscritos de 16 universidades de toda España; 40 de eles foron seleccionados pola calidade dos seus proxectos para tomar parte na final que tivo lugar no Eurostars Gran Hotel Santiago.