Formación do Profesorado celebra un obradoiro de iniciación á lingua de signos ao abeiro da Universidade de Verán da USC
A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC celebrará do 11 ao 15 de xullo un obradoiro de iniciación á lingua de signos, un programa dirixido pola profesora da área de Lingüística da USC Cristina González e incluído entre os programas formativos e de divulgación da Universidade de Verán 2016 da USC.
Estruturado en 15 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 20 personas, o programa dirixido por González Abelaira comezará co relatorio ‘A educación lingüística nas persoas xordas en Galicia’, a cargo do tamén profesor da USC Modesto Rodríguez Neira. A cantidade de signantes existentes na actualidade, as linguas de signos desde os estudos da complexidade e a xestualidade das linguas de signos completan o abano de temas a tratar durante a primeira xornada deste foro estival. O obradoiro de iniciación á lingua de signos, un programa que se desenvolve en quenda de mañá, continuará o 12 de xullo cun relatorio sobre (in)visibilidade e representación social da lingua de signos española, tralo que se procederá a presentación de distintas experiencias educativas con persoas xordas desenvolvidas en Galicia. Dous obradoiros de linguas de signos, guiados por Miguel Ángel Carregado Silva, da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), capitalizarán as dúas últimas xornadas a actividade deste programa da Universidade de Verán, que rematará o venres 15 de xullo cunha sesión sobre orientacións didácticas para persoas con diversidade funcional auditiva, seguida dun contacontos en lingua de signos. As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste seminario formativo, que non conta con límite de prazas, poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste curso, para o que está aberta a matrícula.