Pasar al contenido principal

Volve Camiño ao Gaiás

Volve Camiño ao Gaiás
Volve Camiño ao Gaiás

Un verán máis, a Fundación USC Deportiva e a Cidade da Cultura organizan conxuntamente o roteiro Camiño ao Gaiás co obxecto de achegar á sociedade compostelá e aos seus visitantes os distintos espazos dese centro cultural e a súa contorna á vez que se promociona un estilo de vida saudable. O percorrido, duns cinco quilómetros, terá lugar nas tardes de todos os xoves de xullo e agosto e os dous primeiros de setembro.

Nesta ocasión farase unha variación no final e no comezo do percorrido con respecto ao ano pasado. Partirase da Oficina de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar, para seguir pola rúa Nova, Caldereiría e a Facultade de Xeografía e Historia. Collendo a rúa das Ameas chegarase ao Mercado de Abastos para logo baixar á rúa da Virxe da Cerca. Súbese despois pola rúa de San Pedro ata chegar á súa igrexa e dende aí báixase ao parque de Belvís. Tras percorrelo, polas rúas do Olvido e Sar, chégase á colexiata de Santa María. Só resta acadar a rúa de Diego Bernal para entrar no Bosque de Galicia que chega á Cidade da Cultura.

A actividade está pensada para calquera persoa interesada, aínda que non se recomenda para menores de 10 anos. As persoas inscritas terán ademais a oportunidade de facer unha visita guiada á exposición ‘Con-Fío en Galicia’, no Museo Centro Gaiás.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2016.