Pasar al contenido principal

O reitor sitúa o IDIS como foco de excelencia científica e referente nacional en investigación biomédica

A memoria presentouseu no Aulario Nóvoa Santos. Foto: Xunta de Galicia
A memoria presentouseu no Aulario Nóvoa Santos. Foto: Xunta de Galicia
Durante o acto de presentación da Memoria de Actividades 2015, sinalou unha serie de retos cos que fortalecer as capacidades do instituto

O binomio USC-Complexo Hospitalario Universitario que se materializa no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) “constitúe xa un foco de excelencia científica e académica e un referente nacional na investigación biomédica”, afirmou o reitor Juan Viaño durante a presentación este luns da memoria anual de actividades 2015 do IDIS. O reitor tamén lembrou que o propio instituto tense situado como un “eixo central do biocampus Campus Vida, conformado tamén como un entorno dinamizador e integrador dun ecosistema de innovación biosanitario e biotecnolóxico que cada día presenta máis proxección académica, capacidade de innovación e impacto económico”.

A presentación da memoria celebrouse no transcurso dun acto presidido polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e no que ademais do reitor tamén interviñeron o director científico do Instituto, o profesor José Castillo, coa presenza do xerente de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde Remeseiro, e do decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Juan Gestal Otero.

“Debemos incrementar e unir esforzos institucionais para dotarnos de mecanismos que permitan a estabilización dos investigadores adscritos aos grupos do IDIS”, sinalou o reitor como primeiro punto dunha serie de retos que axudarán a “fortalecer as capacidades do instituto”. Na súa opinión, “a captación e consolidación de talento é a única e indispensable vía para desenvolver unha organización científica competitiva". Neste contexto Juan Viaño trasladou á Consellaría de Sanidade “o apoio e vontade de colaboración” neste obxectivo, así como “o compromiso para, na medida das nosas posibilidades, contribuír dende o CIMUS neste proceso”.

Outro dos retos apuntados polo reitor compostelán foi o proceso de internacionalización da investigación do IDIS. Existe “unha importante marxe de mellora” dixo en alusión a “grupos cuxa competencia reclama unha maior presenza en consorcios ou redes europeas”. O reitor considera que o mecanismo para logralo será “unha orientación intelixente e unha eficiente colaboración institucional”. En relación con esta mesma liña e co obxecto de conformar consorcios e iniciativas competitivas, Viaño avoga por “propiciar unha mellor integración e colaboración dos grupos clínicos coas importantes capacidades dispoñibles no entorno científico da USC” en campos como a nanotecnoloxía, a biotecnoloxía ou a e-Health. As tecnoloxías facilitadoras transversais abren novas fórmulas de cooperación como tamén as novas infraestruturas como o CEBEGA e CEBIOVET, “dúas magníficas e modernísimas instalacións que debemos saber rendabilizar entre todos”.

O reitor puxo como meta tamén “xestionar con eficiencia e rigor, pero tamén con decisión e valentía novos modelos de xestión público-privada que faciliten os procesos de transferencia”. Juan Viaño lembrou a experiencia que neste eido achegan o propio IDIS como referente en xestión de unidades mixtas (con Esteve, GSK, e con Gradiant e Everis), así como Innopharma ou a Fundación Kertor. Para completar a súa intervención apelou á necesidade de, nos vindeiros meses, “dar pasos decisivos na mellora dos procesos de xestión, e particularmente, nunha xestión máis eficiente dos servizos de apoio e promoción da investigación”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.06.2016.