Pasar al contenido principal

O Acelerador de Transferencia da USC identifica tres novas tecnoloxías susceptibles de pasar do laboratorio ao mercado

O comité avaliador reuniuse recentemente no edificio Emprendia para a valoración final dos proxectos. Foto: Servimav-USC
O comité avaliador reuniuse recentemente no edificio Emprendia para a valoración final dos proxectos. Foto: Servimav-USC
Acuicultura, sector leiteiro e alimentación para mascotas son os ámbitos aos que se dirixen as tecnoloxías que apoiará o Acelerador de Transferencia da USC para dar o salto ao mercado

Dedicado a detectar resultados de investigación que poidan ser transferidos á sociedade, o Acelerador de Transferencia da USC acaba de seleccionar tres novos proxectos no ámbito da acuicultura, o sector leiteiro e a alimentación para mascotas. Concretamente, apoiará o desenvolvemento de dous novos kits de diagnose de mamite bovina do grupo de investigación do profesor Gonzalo Fernández do Departamento de Patoloxía Animal; un proxecto do mesmo departamento presentado polo profesor Adolfo Paz para testar un novo complemento para a alimentación de mascotas que contribúa a atallar a proliferación de parasitos ao tempo que retrasa a aparición de trastornos do envellecemento; e un terceiro proxecto que ensaiará distintas formulacións dunha nova vacina recombinante para linguado máis segura e de administración máis sinxela, e que presentou o profesor Manuel Lemos do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía.

Ademais do grao de madurez, o comité avaliador encargado de valorar os proxectos presentados a esta terceira edición do Acelerador de Transferencia, tiveron en conta outros criterios como o nivel de desenvolvemento, a probabilidade de que se complete o proceso de transferencia e a potencialidade do mercado. Ademais, prestouse atención ao grao de novidade e á posibilidade de protexer os resultados obtidos mediante patentes ou outras figuras que atraian o interese de socios industriais.

Neste edición, o comité avaliador estaba conformado polo directivo de OWL Metabolomics, o doutor Pablo Ortiz Betés, cunha longa traxectoria no ámbito do desenvolvemento de negocio no sector da saúde; a presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga) e directiva de Galchimia, Carmen Pampín Casal; Manuel Cacheda Enríquez, do departamento de Responsabilidade Social Corporativa de Abanca; o representante da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carlos A. Vaamonde Rivero; e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), José L. Villaverde Acuña.

Acelerador
O Acelerador de Transferencia é unha iniciativa promovida e coordinada pola AVTE que está aberta aos grupos de investigación de todas ás áreas de coñecemento para detectar resultados de investigación que poidan ser transferidos en forma de produtos ou servizos á sociedade. É un programa dirixido a avanzar no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando o seu traslado ao mercado co conseguinte impacto social e económico, que se basea na experiencia de referentes internacionais como o programa University Challenge Seed Fund da Universidade de Oxford.

A novidade do Acelerador fronte outros programas similares é que leva a cabo as accións necesarias para cubrir a fenda existente entre os resultados dun proxecto de investigación no laboratorio e o seu interese para unha empresa ou calquera outro axente externo co obxectivo de aumentar as súas posibilidades de transferencia.

Aqueles proxectos que aspiran a obter o respaldo do Acelerador deben identificar claramente as actuacións necesarias a desenvolver para converter o resultado de investigación nun investimento interesante para un socio industrial. Debe existir un destinatario final ou un axente que se responsabilice do desenvolvemento futuro para garantir que se completa o proceso de transferencia. Con estes tres proxectos aprobados na terceira convocatoria, son 16 as tecnoloxías apoiadas polo Acelerador de Transferencia da USC ata o momento.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.03.2016.