A mobilidade estudantil aumenta preto dun 20% no Campus Terra da USC e reforza o seu grao de internacionalización

A mobilidade estudantil rexistrada este curso nos distintos centros universitarios do Campus Terra da USC experimentou un incremento de preto do 20% con respecto a pasado exercicio académico, segundo se desprende das propias estatísticas de matrícula da institución académica compostelá, que cifran en 157 o número de estudantes estranxeiros que xa están a recibir formación ou se incorporarán nos vindeiros meses á sede universitaria luguesa, un número sensiblemente superior aos 132 computados no curso 2015-2016.
O incremento do fluxo de alumnado foráneo que se decanta pola sede universitaria luguesa para ampliar a súa formación académica presente este curso académico unha tendencia máis ou menos homoxénea en todos os programas de mobilidade estudantil, aínda que os universitarios que chegaron ao Campus Terra da USC logo de acollerse a programas ou convenios bilaterais entre as súas universidades de procedencia e a institución académica compostelá representan o colectivo máis numeroso, cun total de 101 beneficiarios (93 no curso 2015-2016) Os estudantes procedentes de países latinoamericanos e nomeadamente de México, que conta cunha ampla representación estudantil na sede universitaria luguesa, constitúen o colectivo de universitarios estranxeiros máis numeroso do Campus Terra da USC, que tamén forma nas súas aulas e laboratorios mozos e mozas procedentes de Arxentina, Perú, Chile, Brasil, Colombia, Venezuela ou Ecuador. A existencia de acordos de colaboración orientados a fluxo de estudantes e investigadores entre a USC e outras universidades asiáticas, xunto coa dispoñibilidade doutras iniciativas de mobilidade internacional, tal e como o son os programas Erasmus Mundus o Patex, fixeron posible que o Campus Terra da USC recibira este curso estudantes de países do continente asiático, tales como Irán, Palestina, Siria ou Tailandia. O fluxo de estudantes europeos chegados a Lugo, na súa maioría a través das convocatorias anuais do programa Eramus, é menor e está estabilizado entre 30 e 40 matrícula. Este ano son 36 os alumnos que se acolleron a este programa de mobilidade, unha cifra superior aos 28 contabilizados no curso 2015-16. Respecto da súas nacionalidades, os alumnos erasmus do Campus Terra da USC proceden de Italia, Alemaña, Portugal, Irlanda, Polonia, Reino Unido, Romanía e Turquía. Unha realidade diferente á do alumando erasmus é a que se aprecia no programa Sicue (programa de mobilidade entre universidades españolas), unha opción que este curso foi solicitada por 12 estudantes que reciben formación no Campus Terra da USC, a onde o pasado ano chegaron dous universitarios. As estatísticas relativas á migración de alumando da sede universitaria luguesa cara outras universidades españolas presenta datos máis altos. De feito, este ano optaron por cursar estudos fóra de Lugo 32 estudantes do Campus Terra da USC, dous máis que o ano anterior. A esta cifra cómpre sumar outras 17 persoas que solicitaron a realización de prácticas fóra de Lugo a través das convocatorias erasmus.
Ligazóns relacionados:


