Pasar al contenido principal

A hospitalidade no Camiño de Santiago, a análise nas IX Leccións Xacobeas Internacionais da USC

Cartaz da Universidade de Verán 2016
Cartaz da Universidade de Verán 2016

‘IX Leccións Xacobeas Internacionais: A hospitalidade no Camiño de Santiago’ é o título do curso incluído na Universidade de Verán 2016 da USC e que se desenvolverá do 19 ao 22 de xullo no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC.

Estruturado en 30 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 50 personas, o programa dirixido polos profesores da USC Domingo González Lopo e Miguel Taín Guzmán está articulado en tres seccións temáticas de carácter monográfico: Ano Santo da Misericordia, Os camiños de Santiago e os albergues hoxe, e Últimas seccións xacobeas. Unha andaina por treito do Camiño de Francés Leboeiro, en Melide, e a visita en quenda de tarde do mosteiro de Sobrado dos Monxes servirá de colofón desta actividade programada no marco da Universidade de Verán 2016. A profesora da Universidade de Minho Marta Lobo Araújo abrirá a quenda de relatorios co 19 de xullo cunha exposición baixo o título ‘O Camiño de Santiago. A asistencia aos peregrinos nas Misericordias no Norte de Portugal (séculos XVII-XVIII)’. A obra asistencial auspiciada baixo o mecenado do arcebispo Bartolomé Rajoy y Losada (1751- 1772), a hospitalidade nos relatos de peregrinación italianos, e as visitas aos hospitais históricos e cemiterios de Santiago completan a programación da primeira xornada das IX Leccións Xacobeas Internacionais da USC. A xestión dun albergue, a ruta do Sil e a historicidade do Camiño de Inverno e o presente e o futuro das rutas xacobeas declaradas Patrimonio da Humanidade centrarán a temática dos debates programados para a segunda xornada deste foro, que rematará cunha visita guiada ao Museo de Catedral de Santiago. As últimas investigacións xacobeas relacionadas coas catedrais e mosteiros no Camiño de Santiago, sobre o plan de restauración dos lugares xacobeos deseñado polo arquitecto Francisco Pons Sorolla a mediados do século XX e sobre a catedral de Santiago como modelo arquitectónico medieval serán asuntos de debate na terceira sección deste curso, no marco dunha xornada que contempla unha visita ao Museo da Peregrinación de Santiago.

As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste seminario formativo, que non conta con límite de prazas, poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste curso, para o que está aberta a matrícula.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.06.2016.