Pasar al contenido principal

O responsable dos efectos de neve de 'Frozen' explica nunha conferencia algúns dos secretos nas simulacións visuais no cine

O responsable dos efectos de neve de 'Frozen' explica nunha conferencia algúns dos secretos nas simulacións visuais no cine
O responsable dos efectos de neve de 'Frozen' explica nunha conferencia algúns dos secretos nas simulacións visuais no cine
O relatorio de Joseph Teran enmárcase na XIX Conferencia Europea en Matemáticas para a Industria

A Universidade de Santiago está a ser esta semana a sede dun encontro internacional no que destacadas figuras do eido dos negocios, a ciencia e a academia se reúnen para promover o uso das matemáticas innovadoras na industria. A XIX Conferencia Europea en Matemáticas para a Industria (ECMI2016), organizada polo Departamento de Matemática Aplicada da USC e a Rede Española Matemática e Industria (math-in), ten lugar dende este luns ao 17 de xuño, coa participación de máis de 350 investigadores e investigadoras de case 40 países de todo o mundo.

No marco do encontro, este martes 14 terá lugar un evento especial destinado ao público en xeral denominado ‘O Camiño Matemático cara aos Oscars’, que pretende mostrar de modo asequible para a cidadanía algúns dos secretos na simulación de efectos visuais nas artes cinematográficas.

A sesión, a desenvolver con tradución simultánea ás 20.00 horas no Auditorio Abanca, comezará cunha conferencia de Joseph M. Teran, profesor da Universidade de California e unha das principais autoridades mundiais no campo da creación de efectos visuais no cine. Teran é colaborador de Walt Disney Animation Studios e foi o responsable dos efectos de neve da película ‘Frozen’, gañadora de dous premios Óscar e un Globo de Oro. Precisamente o seu relatorio leva por título ‘Simulación numérica da neve en películas e na aula’.

Logo da intervención de Teran terá lugar unha mesa redonda que moderará o profesor da USC Jorge Mira e á que se incorporarán Xenxo Álvarez, de The Gearing e Ottiplanet, que falará das tendencias no desenvolvemento de personaxes para películas de animación e videoxogos, e Ignacio Vargas, un dos creadores da empresa Next Limit Technologies, mundialmente recoñecida pola creación de efectos especiais relacionados coa auga. O traballo desta empresa española ten presenza en superproducións como ‘O señor dos aneis: o retorno do rei’ ou ‘Matrix reloaded’.

Completo programa
O ECMI2016 inaugurouse este luns na Aula Magna da Facultade de Bioloxía nunha cerimonia que presidiu o reitor da USC, Juan Viaño, e na que participaron tamén o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente do Consorcio Europeo de Matemática Industrial, Dietmar Hoëmberg; o presidente do comité científico do encontro, Alfredo Bermúdez de Castro; e a presidenta do comité organizador, Peregrina Quintela.

Ademais dos dous relatorios diarios a cargo de especialistas de renome internacional, entre eles o profesor da USC Wenceslao González, o congreso contempla numerosas sesións de comunicacións e minisimposios nos que se darán a coñecer distintas experiencias de matemáticas aplicadas á industria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.06.2016.