Especialistas de catorce países revisan na Reunión de Estudos Rexionais trinta anos de integración europea en perspectiva rexional
Un total de 225 participantes de catorce países cítanse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ata este venres 18 na XLII Reunión de Estudos Rexionais que organizan investigadores do Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME), o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), a Asociación Galega de Ciencia Rexional e a propia facultade. Nesta edición, a xuntanza ten como lema ‘ 30 anos de integración en Europa en perspectiva rexional: leccións dos pasados e futuros desafíos’.
Este encontro é un foro aberto a investigadores que traballan nas diferentes disciplinas que contribúen á ciencia rexional -como a economía, xeografía, urbanismo, econometría, socioloxía, política, arquitectura, ou turismo, entre outros ámbitos-, así como a todos aqueles axentes interesados en coñecer e comprender a dimensión territorial das sociedades. Presentáronse máis de 200 traballos, entre relatorios, conferencias e paneis, que tratarán cuestións relacionadas coa economía do coñecemento e xeografía da innovación; turismo e territorio; mobilidade, transporte e infraestruturas; emprendemento; enerxía, sustentabilidade, recursos naturais e ambiente; movementos migratorios; ou urbanismo e vivenda, entre outras áreas temáticas.
A inauguración oficial do encontro presidiuna a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, xunto a quen tamén interviñeron o presidente da Asociación Española de Ciencia Rexional, Jordi Suriñach i Caralt, e o cordinador do encontro, Manuel Fernández Grela, deu paso a diversas sesións paralelas de traballo, e ao conferenciante convidado J. Enrique Garcilazo, director da Unidade de Desenvolvemento Rural e Rexional da OCDE, unidade responsable da elaboración dos informes territoriais da OCDE sobre desenvolvemento rexional. O seu ámbito de traballo céntrase na análise de cuestións de competitividade rexional, a medición do desempeño das rexións e a identificación dos factores claves para o crecemento rexional. A súa intervención levaba por título ‘Productive regions for inclusive societies: low density regions. Places of opportunity.
Xa o venres 18, a partir das 15.00 horas na Aula Tomé, celebrarase unha sesión especial dirixida a alumnado de máster e de primeiro ano de doutoramento así como a investigadores novos para discutir os seus proxectos de investigación con prestixiosos participantes no congreso, como os profesores Hewings, da Universidade de illinois, e Steenge, de Groningen.
Celébase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais