Pasar al contenido principal

Unhas xornadas técnicas de vacún de leite citan máis de 700 participantes na Facultade de Veterinaria

Inauguración das XIV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite na Facultade de Veterinaria
Inauguración das XIV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite na Facultade de Veterinaria

As xornadas técnicas sobre vacún de leite organizadas por Seragro citan desde este xoves máis de 700 persoas (gandeiros e outros profesionais ligados co sector) no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, onde diferentes relatores abordaron cuestións relacionadas co manexo e a nutrición de xatas desde o nacemento ata o parto, podoloxía ou a xestión das explotacións gandeiras de Galicia.

O negocio derivado da produción e venda de leite, os factores de desenvolvemento das explotacións e a xestión técnica e económica que fan os propietarios das mesmas foron outros dos temas de debate tratados na primeira sesión destas xornadas técnicas sobre vacún de leite, un foro no que tamén se puxo de releve a importancia das leguminosas forraxeiras na alimentación do gando. A presidenta de Seragro, Noelia Garcia Santoalla, foi a encargada de abrir a décimo cuarta edición destas xornadas no marco dun acto no que tamén interviñeron o concelleiro de Medio Rural do Concello de Lugo, Miguel Fernández; a deputada provincial Pilar García Porto, e a vice decana da Facultade de Veterinaria da USC Ana López Beceiro. Un relatorio sobre o programa nacional de erradicación da tuberculose bovina, así como sobre a problemática actual e os retos futuros inmediatos abrirá este venres a sesión de clausura das XIV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite. Xa en quenda de tarde, unha mesa redonda integrada por gandeiros e na que participarán Manuel Iglesias (OPL), Román Santalla (UPA), Roberto López (Agromuralla) e José Ángel Purriños (Cooperativa Os Irmandiños), ofrecerá a visión do sector desde dentro. A presentación dunha campaña de promoción do leite como alimento, a cargo da directora xerente da Inlac, Águeda García-Agulló, servirá de colofón deste foro técnico. Asistentes as xornadas técnicas

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.11.2016.