Pasar al contenido principal

O avellentamento celular limita a propagación de virus

Células non senescentes (NS) mostran un maior grao de infección inicial (virus en verde) que progresa de forma eficiente a todas as células tras 24 horas (en vermello). As células senescentes (S)...
Células non senescentes (NS) mostran un maior grao de infección inicial (virus en verde) que progresa de forma eficiente a todas as células tras 24 horas (en vermello). As células senescentes (S)...

As células avellentadas son máis difíciles de infectar, o que reflicte a importancia da contribución do sistema inmune ao control das infeccións. A idea acaban de comprobala investigadores da USC, do Sergas, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e do CSIC no Laboratorio de Virus e Cancro do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC.

A teoría di que as células avellentan ao igual que os organismos dos que forman parte. Tras dividirse e cumprir as súas funcións, esgotan a súa capacidade e entran nunha especie de letargo que as impide proliferar. Como explica a directora do Laboratorio do CiMUS, Carmen Rivas, este avellentamento ou senescencia celular é un proceso organizado e controlado que non se experimenta co paso do tempo só como consecuencia do desgaste da materia, senón que se produce moitas veces como mecanismo de defensa ante agresións que poñen en perigo a integridade celular. “As mutacións que se producen nos nosos xenes poden conducir á activación de xenes do cancro e a senescencia celular limita a expansión das células danadas, impedindo de maneira eficiente o desenvolvemento de cancro”. A investigadora tamén lembra que de xeito análogo, certos compostos químicos que danan o xenoma disparan as defensas celulares e a senescencia encárgase de limitar a progresión das células así danadas.

Nun artigo publicado este mércores en Scientific Reports por un equipo que integran investigadores de diversos departamentos dos Campus de Santiago e Lugo e cuxa primeira asinante é a investigadora do CiMUS Maite Baz Martínez, descríbese que todos os estímulos probados para inducir a senescencia xeraron células máis resistentes á infección. Nos ensaios utilizouse como axente viral o virus da estomatite vesicular (VSV). “En todas probas ás que sometemos as células á infección con VSV, as senescentes demostraron ser moito máis resistentes”, comenta Maite Baz Martínez. Ademais, os resultados comprobáronse en vivo en ratos aos que previamente se lles induciu fibrose pulmonar, unha condición que xera senescencia das células do pulmón. “Os animais con pulmóns senescentes parecían non ter visto sequera o virus, mentres que nos pulmóns dos ratos control, o virus expandiuse con normalidade”, detalla Sabela da Silva Álvarez do IDIS.

Ademais de supoñer un avance no coñecemento básico das funcións que ten o proceso de senescencia celular, os asinantes do artigos consideran que esta menor capacidade para ser infectadas que posúen as células senescentes debería ser tida en conta nos proxectos que están desenvolvendo diversos laboratorio do mundo. Os experimentos que se están a desenvolver buscan aproveitar a capacidade innata dos virus para entrar e matar as células como estratexia terapéutica antitumoral, a coñecida como terapia con virus oncolíticos, posto que o uso de fármacos que poden inducir senescencia das células tumorais as farían menos susceptibles á infección e podería permitirlles escapar da terapia tumoricida.

Ademais do grupo dirixido por Carmen Rivas no CiMUS e do coordinado por Manuel Collado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, tamén participaron outros investigadores de diferentes laboratorios, como da Facultade de Veterinaria e do Heinrich Pette Institute de Hambrugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2016.