Pasar al contenido principal

Veterinaria afonda na produción de leite en ecolóxico cun estudo das razas de gando vacún, valoración e autenticación de produtos

Ruth Rodríguez Bermúndez, entre Marta Miranda e Marta López, na Facultade de Veterinaria de Lugo
Ruth Rodríguez Bermúndez, entre Marta Miranda e Marta López, na Facultade de Veterinaria de Lugo
Rodríguez Bermúdez estuda na súa tese, dirixida por Miranda Castañón e López Alonso, as características produtivas, reprodutivas e funcionais das razas leiteiras en ecolóxico

O estudo das razas de gando vacún de leite que se están a usar en ecolóxico, a valoración e a autenticación dos produtos e do sistema de produción en ecolóxico no norte de España centran a temática da tese de doutoramento que vén de presentar Ruth Rodríguez Bermúdez na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC baixo o título ‘Valoración racial e autenticación do sistema de produción ecolóxica de leite no Norte de España’.

A investigación de doutoramento desenvolvida por esta veterinaria de O Valadouro baixo a dirección das profesoras da USC Marta Miranda Castañón e Marta López Alonso, e en colaboración co director técnico de Africor-Lugo, Ramiro Fouz, encádrase no marco dun programa investigación nacional arredor da situación da gandaría ecolóxica de vacún de leite no norte de España. Este proxecto de I+D, liderado pola USC, conta asemade coa colaboración de diferentes centros de investigación e universidades nacionais e internacionais.

Rodríguez Bermúdez ambiciona no seu estudo dar resposta a dúas grandes cuestións dentro da gandería ecolóxica de leite, tal e como o son a adaptación dos animais ás especiais condicións do sistema e a certificación da procedencia ecolóxica dos animais e dos seus produtos. Clarificar estas estes interrogantes antóllase de especial importancia para un sector leiteiro ecolóxico que está a medrar en Galicia, unha das rexións europeas con maior produción leiteira, así como no norte de España, e que demanda máis información para seguir a crecer. A esta realidade cómpre engadir os requirimentos da normativa ecolóxica europea, que esixe unha serie de puntos que difiren de forma substancial do manexo do gando leiteiro convencional, razón pola que a información coñecida ata o de agora non sempre é aplicable en ecolóxico.

Daquela, a investigadora compila na súa tese doutoral resultados de enquisas feitas aos gandeiros que constatan a existencia dunha grande preocupación pola mala adaptación dos animais a ecolóxico. Os animais de alta produción están preparados para soportar grandes lactacións, sempre e cando se lles suplementen elevadas cantidades de concentrados para cubrir as necesidades enerxéticas. A diferencia, cando estes animais se introducen nun sistema de manexo ecolóxico tenden a padecer enfermidades que acaban por xerar grandes perdas económicas. Diante deste panorama e en aras e dar respostas aos interrogantes advertidos no sector, Ruth Rodíguez Bermúdez orientou a súa tese ao estudo das razas leiteiras en ecolóxico valorando a súa produción, características reprodutivas e funcionais, co fin de atopar que raza ou cruce é máis acaído para a produción de leite ecolóxico no norte de España, tendo en conta que nesta área se produce o 80% da produción nacional.

Outras das achegas deste exhaustivo estudo refírense á valoración, a través de enquisas, da opinión que ten o consumidor de produtos ecolóxicos, facendo un especial fincapé nos aspectos raciais do vacún de leite, co fin de explorar o interese comercial das distintas razas. Respecto da autenticación da produción ecolóxica, así como dos produtos destinados á venda procedentes destes sistemas, cómpre sinalar que é un aspecto moi relevante para garantir que os produtos que chegan ao mercado con etiqueta ecolóxica foron realmente producidos neste sistema. A investigación advirte da existencia de certa preocupación por parte dos consumidores sobre a autenticidade dos produtos ecolóxicos, polo que a través dos estudos desenvolvidos na presente tese aportamos unha ferramenta que permite discernir entre ecolóxico e convencional.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da área de Medicina e Cirurxía Animal da USC José Luis Benedito Castellote presidiu o tribunal encargado de avaliar esta tese, un xurado integrado por tres expertos no ámbito do gando vacún do que tamén formaron parte o profesor do Instituto Politécnico de Viana do Castelo Joaquim Orlando Lima Cerqueira e a tamén doutora Carmen Calvo Santalla, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

O tribunal acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese presentada por Ruth Rodríguez Bermúdez. A investigadora formada no campus de Lugo acadou así o doutoramento internacional logo de completar diversas estadías de investigación na Massey University de Nova Zelanda e na Universidade Nacional de Litoral, en Arxentina. Durante esta etapa de formación, Rodríguez Bermúdez tivo un contrato predoutoral da Xunta de Galicia durante o primeiro ano, para logo gozar, dunha bolsa FPU do Ministerio por un período de tres anos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.02.2019.