Pasar al contenido principal

O programa Santander Yuzz busca emprendedores de entre 18 e 31 anos en Santiago e Lugo

O programa Santander Yuzz busca emprendedores de entre 18 e 31 anos en Santiago e Lugo
O programa Santander Yuzz busca emprendedores de entre 18 e 31 anos en Santiago e Lugo

Emprendedores/as de entre 18 e 31 anos de Santiago e Lugo son os destinatarios da oitava edición do programa Santander Yuzz ‘Mozos con ideas’ que impulsa o talento e a xeración de ideas innovadoras entre a mocidade. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 2 de decembro, para o que deberán presentar a súa candidatura de xeito gratuíto a través do formulario dispoñible na web. O programa está promovido polo Banco Santander a través do Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE) co apoio local da Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Santiago e Lugo) e a Xunta de Galicia.

Os emprendedores seleccionados entre Santiago e Lugo incorporaranse ao programa e poderán beneficiarse do acceso a un espazo coworking de alto rendemento, no Edificio Emprendia en Campus Vida de Santiago e, en Lugo, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE), onde contarán con espazo físico para desenvolver a súa idea e poderán relacionarse con outros emprendedores, recibir formación en innovación e modelos de negocio por unha rede de máis de 200 expertos profesionais. Durante esta estadía recibirán asesoramento personalizado para o desenvolvemento do seu proxecto.

Unha vez finalizado o proceso de formación e apoio, as dúas persoas elixidas como os mellores emprendedores dos centros Yuzz Santiago e Lugo respectivamente, realizarán unha viaxe a Silicon Valley, o referente internacional máis importante en innovación e emprendemento, onde se lles brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores. Os tres mellores proxectos nacionais recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar o desenvolvemento do seu negocio.

O proxecto Santander YUZZ naceu no ano 2009 e conta na actualidade con 50 centros en España e máis de 1.000 participantes por edición. O proxecto conta ademais co apoio de universidades de todo o país e múltiples entidades colaboradoras como Indra, Tuenti, Intel, Organización de Estados Iberoamericanos, Secot, FPdGi, Fundación E&Y e RedEmprendia.

Internacionalización
Outra das novidades que presenta o programa este ano é o seu próximo lanzamento internacional, que empezará cun primeiro Centro Santander YUZZ en Arxentina. O obxectivo é acadar expansión a outros países de América e Europa a través do Santander Universidades para fortalecer as sinerxías entre emprendedores de todo o mundo e contribuír ao crecemento económico, a innovación e o progreso das persoas e as empresas.

Entidades colaboradoras locais
O apoio local nos Centros Yuzz de Santiago de Compostela e Lugo conta co apoio da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia, en concreto da Secretaría Xeral de Emprego, Consellería de Economía e Industria. O Centro Yuzz Santiago atópase no Edificio Emprendia, núcleo da Transferencia de Coñecemento, Innovación e Emprendemento do Campus de Excelencia Internacional da Universidade de Santiago de Compostela-Campus Vida, proporcionando aos participantes espazo coworking e ferramentas para a incubación e a formación, tanto presencial como virtual, asemade para o traballo colaborativo.

Pola súa banda, o Centro Yuzz Lugo está na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, dentro de Campus Terra, que xa conta cun espazo coworking a disposición dos emprendedores. A Facultade de ADE eríxese como un espazo universitario para a creación de valor económico-social, sendo o emprendemento un dos eixos chave para chegar a tal fin. Todo isto, a través dunha cooperación produtiva entre universidade-empresa-sociedade, para a proxección dos coñecementos, capacidades e resultados xerados no Campus e a súa transformación en fonte de progreso e motor de cambio na súa contorna a nivel social, económico e territorial.

As actividades destes centros Yuzz intégranse no programa de emprendemento da USC que conta como principais axentes a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) e a Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais, S.L., - UNINOVA (Incubadora da USC). O Edificio Emprendia acolle tamén nas súas instalación ás sociedades de capital risco UNIRISCO Galicia e UNINVEST, ademais da Unidade Operativa de RedEmprendia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.11.2016.