Pasar al contenido principal

As xornadas sobre os recursos educativos en galego debaten na súa novena edición o caso da educación de adultos

Imaxe de arquivo do acto de benvida a alumnado de cuarto ciclo
Imaxe de arquivo do acto de benvida a alumnado de cuarto ciclo

De que recursos en galego dispoñen quen imparte docencia nas diversas modalidades de educación de adultos? Na resposta a esta pregunta atópase a cerna das novenas xornadas de recursos educativos en galego, que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación co apoio do Servizo de Normalización Lingüística e a achega económica da Secretaria Xeral de Política Lingüística. O seu obxectivo será coñecer, reflexionar sobre a experiencia do seu uso, motivar para crear novos e converterse nun espazo para o debate e a reflexión ao redor dos recursos educativos en lingua galega nos diferentes niveis do ensino. Esta edición céntrase na educación de adultos e sucede ás dedicadas á educación infantil, primaria, bacharelato, educación social ou artística.

A xornada artéllase arredor da exposición e debate de nove recursos e experiencias educativas con persoas adultas en lingua galega: o ensino da física mediante procedementos situados, as saídas de campo no Cuarto Ciclo universitario, o ensino da lingua galega a reclusos do cárcere da Lama, activación da memoria en doentes de Alzéimer, a xestión do coñecemento, o uso de novas tecnoloxías por persoas con discapacidade intelectual ou a aprendizaxe por proxectos con persoas adultas con parálise cerebral. Desenvólvese na sede da Facultade de Ciencias da Educación en Campus Vida o próximo 16 de novembro en xornada de tarde e o día 17 de mañá ata completar un total de 7,5 horas lectivas. O prazo de matrícula, que é de balde, está aberto ata o 13 de novembro.

Os destinatarios principais do encontro son o alumnado, o persoal docente e investigador e de administración e servizos das universidades galegas, así como profesionais interesados en coñecer estratexias que axuden a mellorar o uso e coñecemento dos recursos didácticos en galego na educación de adultos. Xa de xeito particular, búscase que o alumnado de Ciencias da Educación poida tomar conciencia da importancia que teñen os recursos educativos na práctica docente, así como coñecer de primeira man cales son os materiais didácticos en galego dos que poderá dispoñer no seu futuro profesional.

Neste contexto, un dos propósitos fundamentais das xornadas será fornecer aos/ás futuros profesionais de estratexias e criterios que lles permitan non só coñecer e empregar recursos existentes senón tamén adaptalos e reelaboralos para atender diferentes necesidades de ensino-aprendizaxe que se desenvolven na aula e nos diferentes centros de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.11.2016.