Pasar al contenido principal

O Campus Terra da USC forma asesores agrarios a través dun curso básico en comunicación e relacións no asesoramento

Participantes nunha xornada de asesoramento agrario desenvolvida no Cactus do Campus Terra da USC
Participantes nunha xornada de asesoramento agrario desenvolvida no Cactus do Campus Terra da USC
A inscrición neste programa formación específica dirixido a profesionais está aberta do 1 ao 15 de agosto. O curso desenvolverase do 8 ao 13 de setembro no Cactus

O Campus Terra da USC aposta pola formación de asesores agrarios a través da oferta dun curso básico en comunicación e relacións no asesoramento que se desenvolverá do 8 ao 13 de setembro nas dependencias do edificio Cactus da sede universitaria luguesa. O prazo de inscrición nesta actividade de formación continua permanecerá aberto desde o 1 ata o 15 de agosto.

Este programa de formación continua da USC está orientado á participación de enxeñeiros técnicos agrícolas, agrónomos, forestais e de Montes, así como a Veterinarios e outros egresados universitarios que completaron estudos económicos que estean a traballar ou acrediten experiencia laboral en tarefas de asesoramento a explotacións agropecuarias ou forestais. A celebración deste Curso básico en comunicación e relacións no asesoramento no Campus Terra da USC á continuidade ás primeiras xornadas sobre esta temática xa celebradas esta primavera na sede universitaria luguesa e nas que participaron 40 persoas ligadas profesionalmente a esta actividade, segundo indicou o profesor da área de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior Florentino Díaz Rodríguez, quen dirixe este programa xunto co tamén profesor da EPS e director da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), Enrique Arbones Maciñeira. Aberto a un máximo de 24 participantes, os contidos incluídos no programa formativo deste curso impartiránse dacordo cos estándares do sistema de certificación de Asesores en Áreas Rurais Europeos (Cecra), que priman o carácter práctico das sesións formativas e a participación do estudantado. As sesións teóricas serán impartidas na súa maioría polo docente alemán con acreditación Cecra Jochen Currle, quen conta con ampla experiencia en dar cursos de formación de asesores, tanto en Europa como en América, con moi bo dominio do idioma castelán. Os obxectivos deste curso, que está estruturado en 40 créditos, pasan por coñecer os fundamentos da comunicación e dominio das técnicas máis importantes da comunicación e en especial a súa aplicación ás entrevistas do asesoramento. O establecemento de relacións coas persoas do medio rural na súa contorna social no marco dunha estrutura profesional son outras das premisas deste programa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.07.2016.